O Carballiño e Verín, desbordados ante o grande aumento de casos
147 contaxiados de covid-19 hai no Carballiño, un crecemento descontrolado na última semana. Pouco ambiente polas rúas e moita preocupación entre a veciñanza.
"En apenas unha semana multiplicou por sete o numero de casos positivos que ten orixe familiar nalgún caso e tamén implicación no ámbito da hostalería", asegura Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, O Barco e Verín.
Estanse intensificando os cribados neste concello para frear ese incremento de contaxios. Aquí xa non están permitidas as xuntanzas dos non conviventes. Se os datos seguen medrando non se descartan medidas máis duras.
Mentres, en Ourense capital e en Barbadás, onde as restricións son as máis estritas, non se pode entrar nin saír sen xustificación, os contaxios aumentan, pero a moito menor ritmo ca antes.
"As cifras márcannos unha tendencia favorable, con toda a cautela e prudencia podemos dicilo, hai que esperar aos proximos días que serán clave para ver se esta tendencia se consolida, pero, en calquera caso, estas medidas só son produto da concienciación do conxunto da sociedade".
A provincia de Ourense supera xa dos 1.500 casos activos.
Os bares e as terrazas de Verín pecharán durante 10 días, pero os restaurantes poderán continuar abertos. Así o acordaron o Concello e representantes dos hostaleiros, en vista da negativa incidencia da pandemia do coronavirus.
A través dun comunicado, o Goberno local explica que este luns o número de casos activos no municipio é de 74, o que implica unha incidencia próxima aos 540 casos por cada 100.000 habitantes.
A medida de pechar bares e terrazas durante 10 días, que partiu do Concello, foi sometida a debate polos representantes da hostalaría, que a aprobaron "cun amplo consenso", segundo recolle o mesmo comunicado.
O peche producirase desde este martes ás 20:00 horas e a intención é levantalo o vindeiro xoves, 22 de outubro. Mentres, os restaurantes continuarán abertos, posto que só terán que pechar as súas terrazas e os seus bares, en caso de telos.