CRTVG

Buscar

Gran actuación de Jorge Prado nos Países Baixos malia non estar no podio

Publicado o 19/07/2021 12:37

Que preto estivo a primeira vitoria do ano de Jorge Prado en MXGP. Tras finalizar sexto na primeira manga en Oss, o lucense acariñou o triunfo durante gran parte da segunda.

A retirada de Herlings, vencedor pola mañá malia o impacto con Monticelli, levou a Prado a tomar o liderado axiña. Na súa ansia de escapar dos competidores arrastrou a Gajser, primeiro clasificado no Mundial, e a Cairolli. O esloveno buscou a Prado de todos os xeitos posibles ata que deu cos ocos para superalo.

E nesa pelexa estaban cando o terceiro en discordia, Antonio Cairolli, aproveitou a oportunidade para colocarse por diante. Quedaba unha volta para rematar a manga. Sen apenas marxe para a reacción, Gajser e Prado defenderon as súas posicións coa mirada posta na liña de meta.

No cómputo global do Gran Premio dos Países Baixos, o triunfador foi Tim Gajser, seguido de Cairoli e Febvre. Prado foi cuarto, o que o mantén na quinta praza na pelexa polo título con 132 puntos e todas as opcións abertas. A primeira posición do Mundial segue sendo para Gajser, con 166 puntos. Ségueno Herlings, Cairoli e Febvre empatados con 143.

En MX2, Rubén Fernández rematou sétimo a segunda manga e sétimo tamén na clasificación do Gran Premio. Na pelexa polo título mantén a terceira posición con 133 puntos, a 8 do líder, Maxime Reanaux, e tres do segundo clasificado, Guadagnini.
 

Noticias web

19/07/2021