CRTVG

Buscar

Gonzalo Caballero pensa que o Goberno actuará "con responsabilidade" nos indultos

Publicado o 28/05/2021 12:36

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosouse "convencido" de que o Goberno de España actuará "con responsabilidade" cando tome unha decisión sobre os posibles indultos a persoas condenadas polo 'procés'.

"Hai determinadas posicións políticas que non nos gustaron no seu momento, pero o Goberno actuará de acordo á lei e sempre en beneficio do interese xeral", asegurou tras reunirse na Coruña cos responsables de Vaca Films.

Respecto á súa posición sobre os indultos, o líder dos socialistas galegos apuntou que "hai que ser moi respectuosos coas competencias que ten cada un nun Estado de Dereito". "Eu non son independentista. Eu non son nacionalista. Eu creo no Estado de dereito e na Constitución", reiterou.

Porén, Gonzalo Caballero entende "que haxa outras posicións" e instou a marcalas "respectando o Estado de dereito". "Dentro da lei, o Goberno de España ten que traballar polo mellor futuro do país", insistiu.

"Cando alguén se  extralimitou, a xustiza funciona en España porque para iso toma as medidas de acordo á lei e despois existen outros mecanismos legais", engadiu o secretario xeral do PSdeG.

Na súa opinión, "todo o que cabe na Constitución é algo que o Goberno ten que ver como facelo, e facelo con responsabilidade". "E estou convencido de que así o fará", resolveu.

Noticias web

28/05/2021