CRTVG

Buscar

González Laya defende ante o xuíz que a entrada en España de Brahim Gali foi "conforme á lei"

Publicado o 04/10/2021 15:13

A anterior titular de Exteriores solicitara declarar por videoconferencia, pero o xuíz considerou necesaria a súa presencia ante o tribunal para aclarar as circunstancias da entrada en España de Brahim Gali a través da base aérea de Zaragoza. O líder da Fronte Polisario chegou a mediados de abril, sen pasaporte nin control de fronteiras, nun avión medicalizado para ser tratado de covid severa nun hospital de Logroño, o que abriu unha crise diplomática con Marrocos.

O xuíz Rafael Lasala quere saber se foi Arancha González Laya quen tomou a decisión de facilitar a súa chegada ou foi responsabilidade do presidente do Goberno. "Acheguei todas as explicacións para que o xuíz chegue pronto á conclusión que guiou sempre a miña actuación de que todo se fixo conforme á lei", dixo a exministra.

O maxistrado investiga se houbo prevaricación, por infrinxir as leis de fronteiras; falsidade, no uso de documentación co que foi rexistrado Gali, e encubrimento, porque o líder da Fronte Polisario ten varias causas abertas na Audiencia Nacional por terrorismo e torturas. Unha destas causas, por xenocidio, acaba de ser pechada polo xuíz Santiago Pedraz, que considera que os feitos están prescritos.

Noticias web

04/10/2021