Gómez-Reino ve un desplante a Galicia que Feijóo non se reúna coa oposición
O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, considerou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fai un "desplante" á sociedade galega ao incumprir o compromiso de manter unha reunión semanal coas forzas da oposición mentres dure a crise pola pandemia do coronavirus.
Nunha comparecencia de prensa telemática, Gómez-Reino explicou que os principais partidos da oposición en Galicia esperaban reunirse co presidente da Xunta na tarde do domingo despois de que Núñez Feijóo participase na conferencia de presidentes pero "non recibimos unha convocatoria, nin unha explicación sobre se nos iamos a reunir ou non", lamentou.
Con esta actitude, considerou, a Xunta non só menospreza os partidos políticos de Galicia se non que é "un desplante ao conxunto da sociedade galega" nun momento de crise excepcional.
Ao non cumprir a súa palabra de manter unha reunión semanal cos líderes dos partidos galegos, Núñez Feijóo "impide que se acorden posicións de país" para afrontar esta crise mentres que emprega as súas comparecencias para atacar ao Goberno central, segundo Gómez-Reino.
Galicia en Común considera que Núñez Feijóo prefire non reunirse coa oposición co obxectivo de manter a súa liña de escudarse no Goberno central para non tomar decisións en materias en que as competencias corresponden ao Executivo autonómico.