Gómez-Reino ve fundamental que a axenda galega do cambio estea presente en Madrid
Podemos Galicia celebra hoxe en Santiago unha xornada de formacion e debate de cara ás eleccións autonómicas de 2020. Esta tarde participará o novo secretario de organización da formación, Alberto Rodríguez.
O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, insistiu esta mañá na importancia da "cautela" e "flexibilidade" das negociacións que se están a levar a cabo entre o seu partido e o PSOE para a conformación do Goberno en Madrid. Destacou que a axenda galega do cambio ten que estar sobre a mesa, independentemente de que haxa ou non ministros galegos de Podemos.
Antón Gómez-Reino, secretario xeral de Podemos Galicia: "Xa na propia campaña diciamos que nos parece moi importante, non tanto as persoas, ou que haxa ministros ou ministras galegas, senón que sexa un goberno que teña Galicia dentro. Iso quere dicir un Goberno que cumpra nas diferentes demandas e nas diferentes materias con aquelas cuestións que son fundamentais para o país".