Gómez-Reino, de Galicia en Común: "Son uns malos resultados, sen paliativos"
Antón Gómez-Reino, candidato de Galicia en Común e líder de Podemos Galicia, asumiu o "fracaso" electoral da súa coalición, que queda sen representación no Parlamento galego. Acompañado de membros da súa candidatura, admitiu que os resultados electorais "non son bos para Galicia" porque o PPdeG seguirá outros catro anos máis á fronte da Xunta.
Quedar sen representación supón para o candidato de Galicia en Común un resultado "inesperado" para unha coalición que se situara como segunda forza nas eleccións galegas de hai catro anos. "Son uns resultados inesperados, malos, moi malos para o noso espazo e que eu asumo en primeira persoa", apuntou Gómez-Reino.
Ante os resultados acadados, iniciarán un proceso de "reflexión profunda" e procederán á análise dos datos. Gómez-Reino tamén lamentou non ser unha forza que contribuíse "de mellor forma" a facer máis forte o bloque de esquerdas.