Gómez Noya e Pablo Dapena buscan o podio no Mundial Ironman 70.3
Javi Gómez Noya e Pablo Dapena competirán este sábado no Mundial de Iroman 70.3 A proba disputarase en Niza, e os dous galegos pelexarán polo podio ante rivais de entidade como Alistair Brownlee ou Sebastian Kienle. Gómez Noya xa gañou en dúas ocasións este título. O sábado tentará engrandecer un pouco máis o seu palmarés.
Sen tempo para dixerir o remate das series mundiais, o esixente percorrido de Niza pon a proba a capacidade de adaptación de aspirantes de todas as distancias. E tamén a do bicampión de 70.3, Javi Gómez Noya
Javi Gómez Noya, icampión do mundo de 70.3: "Fixen adestramentos máis longos na cabra para a proba de Niza. Non é unha prioridade este ano, pero é un percorrido que me vai ben. Xa demostrei que podo render nas dúas distancias e imos intentalo outra vez."
A dura subida ao Col de Vence disuadiu da proba o actual campión, Jan Frodeno, pero aínda que a nómina de participantes segue metendo medo, os galegos afróntana motivados.
Javi Gómez Noya. bicampión do mundo de 70.3: "Vai ser unha proba sobre o papel de moitísimo nivel, eu creo que a que máis, e vai estar interesante."
Pablo Dapena, campión do mundo de longa distancia: "Con ganas de afrontar o campionato do mundo con maior nivel de toda a historia de 70.3. Non hai nada que perder, moito por gañar, e sobre todo a desfrutar.
Pablo Dapena ten no seu currículo o mundial de longa distancia de 2018, pero non se ve no grupo dos favoritos a este medio Ironman.
Pablo Dapena, campión do mundo de longa distancia: "A temporada está sendo moi moi boa, e se se pode facer un top-10, que é o que busco, estaría moi ben. Se non, seguir adestrando, que a temporada non acaba en Niza, e hai que seguir."
O sábado saberemos se seguen chegando éxitos galegos no tríatlon.