CRTVG

Buscar

Gómez Noya acode a Lausana na busca do billete olímpico

Publicado o 27/08/2019 16:04

Javi Gómez Noya disputará este sábado en Lausana a gran final das Series Mundiais de Tríatlon. Acadar un novo mundial está difícil, depende doutros resultados, pero se logra ser o mellor español nesta proba obtería xa o billete olímpico para Toquio.

Sete meses despois de anunciar o seu regreso ás Series Mundiais, Javi Gómez Noya está ás portas de conseguir o seu undécimo podio mundial. O primeiro obxectivo da temporada está cumprido. 

"Sentirme competitivo en relación aos demais, sobre todo nas probas de distancia olímpica. Ese obxectivo xa o cumprín: teño un segundo, un terceiro e un cuarto posto nas probas de distancia olímpica. Polo tanto fun competitivo e agora tentaremos rematar a temporada o mellor posible", di Gómez Noya.

A proba de Lausana deste ano ten o aliciente da clasificación olímpica para o primeiro español, sempre e cando acabe entre os tres primeiros da carreira do sábado.

"Sobre o papel é máis factible a clasificación olímpica porque para o sexto título non só dependo dun bo resultado, senón tamén dun fallo dos rivais e xa non está na miña man. Se fago unha boa carreira unha cousa pode levar a outra, pero o sexto título non é algo en que pense demasiado", explica.

Dúas semanas despois da caída na proba de Edmonton, Gómez Noya volveu caer da bicicleta nun adestramento na contorna de Pontevedra cando circulaba a uns 50 quilómetros á hora. 

"Sempre a incomodidade das feridas, non descansas igual durante esa semana. Ao estar adestrándote, sempre tardan en pechar esas feridas. Malia todo puiden adestrarme e creo que estou en boa condición". 

Unha semana despois da final de Lausana, Gómez Noya disputará o Campionato do Mundo de Medio Ironman, que xa gañou en dúas ocasións.

Noticias web

27/08/2019