Golpe de Estado militar en Myanmar: detida a Nobel da paz Aung San Suu Kyi
Imaxe de arquivo
O Exército birmano detivo os principais membros do Goberno e declarou o estado de emerxencia no país durante un ano. Entre os arrestados están o presidente Win Myint e a conselleira de Estado e líder de facto, a Nobel da paz Aung San Suu Kyi.
O exxeneral Myint Swe, vicepresidente en virtude da cota que a Constitución lles reserva aos militares no Executivo, foi nomeado mandatario interino mentres o xefe das Forzas Armadas Min Aung Hlaing controlará as autoridades e terá polo tanto o poder.
O golpe militar tivo lugar horas antes de que o parlamento celebrase a primeira sesión da Lexislatura tras os comicios de novembro —os segundos desde o final da ditadura militar en 2011—, en que se impuxo con claridade a gobernamental Liga Nacional para a Democracia, co 83 % dos escanos. A oposición, apoiada polo Exército, e os propios militares denuncian irregularidades, algo que nega a Comisión Electoral.
O Goberno dos EUA urxíu a liberar os arrestados, entre os que tamén se contan activistas e artistas, e avisou de que actuará se non hai unha marcha atrás. O Xapón e A India chamaron a respectar a lei e a resolver de xeito pacífico os conflitos.
A liga Nacional para a Democracia (LND), o partido da ata o de agora líder de Birmania Aung San Suu Kyi, pediu aos cidadáns que non acepten o golpe de estado perpetrado polos militares hoxe e que protesten. Nun comunicado colgado nun perfil en Facebook da LND, a formación ata o de agora gobernante acusou os militares de someteren o país a unha ditadura. A reacción chegou despois de que o Exército de Myanmar declarase este luns o estado de emerxencia ao tomar o control político do país durante un ano tras deter varios membros do Goberno, incluída á Conselleira de Estado e Nobel da Paz Suu Kyi.