Golpe ao narcotráfico co desmantelamento dun dos clans da droga máis activos das Rías Baixas
Axentes da Garda Civil lograron desmantelar unha das redes da droga máis activas e importantes das Rías Baixas. Hai seis persoas detidas, entre as que está un dos dirixentes deste coñecido clan galego de narcotraficantes e outras persoas relacionadas coa organización criminal internacional do clan dos Balcáns.
As detencións realizounas a Garda Civil en Ribadeo coa incautación dun total de 560 quilos de cocaína que manipulaban os arrestados. A operación policial contou coa colaboración da axencia estadounidense DEA, que participou in situ con axentes da UCO da Garda Civil española, tanto en Lugo coma en Pontevedra.
A denominada operación Dinastía culmina unha investigación centrada nunha das organizacións criminais máis importantes da comarca do Salnés, liderada por un dos dirixentes do coñecido como clan dos pasteleiros, ligado historicamente ao narcotráfico internacional nas Rías Baixas desde hai máis de 25 anos. Rexistráronse sete inmobles en Vilagarcía, Vilanova de Arousa e Caldas de Reis e distintas sedes de sociedades que utilizaban como tapadeiras para a actividade ilícita.
Os axentes incautáronse ademais de vehículos de alta gama, medios de comunicación encriptada, cartos en efectivo, armas de fogo e documentación coa estrutura da organización desmantelada.