CRTVG

Buscar

Golpe ao narcotráfico co desmantelamento dun dos clans da droga máis activos das Rías Baixas

Publicado o 31/10/2020 20:42

Eran as primeiras detencións da Benemérita, preto dunha vivenda de Ribadeo, a onde os narcotraficantes trasladaran 560 quilos de cocaína fuxindo da presión policial que estaban percibindo na comarca do Salnés. A operación Dinastia arrincaba cun notable despregamento de medios por terra e aire. O grande obxectivo: o clan dos Pasteleiros, un dos grupos que lidera o tráfico de drogas desde as Rías Baixas nas últimas dúas décadas.

Despois chegaba o prato forte nesta casa de Ribadeo. No interior estaba agochada a media tonelada de cocaína, procedente de Suramérica, onde varios membros do clan se encargaran de adquirila e preparar o seu envío. Catro dos arrestados son de nacionalidade española, pero a sorpresa saltaba coa detención de dous serbios, pertencentes ao denominado clan dos Balcáns, un grupo de excombatentes con sona de violentos, que colaboraban na distribución da droga por distintos países europeos.

Outro elemento curioso: con estes camións guindastre, que simularían o transporte de coches avariados, pretendían mover a droga por Galicia. Despois do operativo en Ribadeo, os axentes rexistraron sete inmobles en Vilagarcía, Vilanova de Arousa e Caldas. Foron intervidos vehículos de alta gama, cartos, armas e documentación relacionada co entramado empresarial creado para darlle aparencia legal á actividade delituosa.

Finalmente, a Garda Civil amosaba ante as cámaras o importante alixo de cocaína aprehendido. A operación foi liderada pola Unidade Central Operativa, a coñecida como UCO da Garda Civil, e contou coa colaboración de axentes da DEA, a axencia estadounidense contra o tráfico de drogas.

Noticias web

31/10/2020