CRTVG

Buscar

Golpe á trama económica do narcotraficante Juan Carlos Fernández, alcumado o Parido

Publicado o 08/05/2019 20:02

Un chalé situado na parroquia de Sisán, en Ribadumia, foi un dos bens que lle interviñeron á familia de Juan Carlos Fernández Cores, o Parido, durante a operación desenvolvida onte. Axentes da Policía Nacional abordaron a vivenda arredor das 7 e media da mañá. O rexistro durou unhas 6 horas. Incautáronse de documentación e arrestaron aquí dúas persoas.

Na operación, coordinada pola Audiencia Nacional, foron detidas en total 10 persoas, entre elas a actual parella do Parido, a súa ex-muller e o fillo de ambos, que permanecen nas dependencias da comisaría de Pontevedra. Esta tarde serán trasladados a Madrid e alí pasarán a disposición xudicial.

Houbo arrestos e rexistros en Cambados, Nigrán, A Cañiza, Lugo e Madrid. Os detidos actuaban, supostamente, como homes de palla de Juan Carlos Fernández Cores, á fronte dunha rede de negocios de branqueo de cartos procedentes do narcotráfico. Interviñéronlles bens valorados en 3 millóns de euros, entre eles o chalé de Ribadumia, unha parcela de cabalos na Cañiza e un centro comercial na localidade portuguesa de Valença do Minho.

O Parido caeu durante a operación Tabaiba. Cumpre unha condena de 13 anos de prisión no cárcere de Topas, en Salamanca, por ser o cerebro da frustrada descarga de case 4 toneladas de cocaína en Muxía en 2009. Máis tarde tamén foi condenado xunto cos seus pais por un delito de branqueo de capitais. Condenárono a dous anos e medio de prisión.

A operación, que pretende desmantelar a súa trama de branqueo, está dirixida desde Madrid e aínda non está pechada.

Noticias web

08/05/2019