CRTVG

Buscar

Goberno e axentes sociais blindan a revalorización das pensións ao IPC

Publicado o 28/06/2021 15:17

A noticia do día chegaba desde Madrid: Goberno, sindicatos e patronal acaban de chegar a un principio de acordo para a reforma das pensións. Entre as medidas está que se revaloricen co IPC pero, tamén, incentivar que os españois prolonguen a súa vida laboral máis anos.

Só quedaría pendente a ratificación formal dos órganos de dirección da CEOE, que probablemente sucederá mañá, xa que os negociadores de UXT e CCOO tiñan o mandato para poder aprobalo na mesa.

A primeira fase para reformar o sistema de pensións inclúe un paquete de medidas para alongar a vida laboral dos españois, de forma que empecen a cobrar máis tarde as prestacións. Prohíbese a xubilación forzosa por baixo dos 68 anos. E a revalorización das pensións farase de acordo ao IPC do ano anterior. Ademais, acordouse traspasar o déficit da Seguridade Social ás contas do Estado.

Desde o Ministerio de Seguridade Social sinalan que o texto do acordo recolle tanto as recomendacións que o Pacto de Toledo aprobou o pasado outono como as reformas recollidas no compoñente 30 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

A reforma supón que as pensións volvan revalorizarse coa inflación por lei, así como derrogar expresamente o factor de sostibilidade da reforma do PP de 2013. Tamén inclúe diversas medidas para que o Estado asuma parte dos denominados "gastos impropios" da Seguridade Social.

Son algúns dos detalles que inclúe a reforma, vital para que España reciba o próximo ano de Bruxelas os fondos europeos.

Noticias web

28/06/2021