CRTVG

Buscar

Goberno e sindicatos ultiman un acordo para subir 15 euros o salario mínimo

Publicado o 16/09/2021 15:09
O Goberno ultima un acordo cos sindicatos para subir o salario mínimo interprofesional (SMI) 15 euros ao mes, ata os 965 euros, e con efectos desde o 1 de setembro deste ano.

Esta proposta contaría con ese apoio dos sindicatos, pero non da patronal, que veu expresando o seu rexeitamento a un incremento do SMI na actual conxuntura.

O último Consello de Ministros do ano pasado decidiu prorrogar en 2021 o salario mínimo vixente en 2020, 950 euros mensuais en 14 pagas, para dar marxe a unha negociación con patronal e sindicatos.

Co paso do tempo debuxouse unha división no Goberno entre os que reclamaban un incremento inmediato, coa vicepresidenta segunda e ministra de Traballo Yolanda Díaz á cabeza, e os que pedían calma ata asegurar a recuperación económica e do emprego, encabezados pola vicepresidenta primeira Nadia Calviño.

Ante esta situación, en febreiro os sindicatos comezaron a mobilizarse para forzar o Goberno a que subise o SMI, mentres a patronal se pechaba en banda e o Executivo creaba un grupo de expertos para analizar cal debía ser a alza co obxectivo de alcanzar o 60 % do salario medio ao final da lexislatura.

Este grupo de expertos fixo públicas as súas conclusións en xuño; recomendaba un incremento de entre 12 e 19 euros para este ano e alcanzar os 1.049 euros en 14 pagas en 2023 (unha alza do 10,4 %), co que se estarían sumando 99 euros máis ao vixente.

Con este informe na man, a ministra de Traballo pediu unha reunión ao presidente do Goberno Pedro Sánchez para insistir nunha suba dos salarios máis baixos.

Pero foi a mellora dos datos económicos e de emprego o que levou o Goberno a abrir unha mesa de negociación para pactar un aumento con patronal e sindicatos en setembro.

Cunha posición inamovible da CEOE, co "agora non toca" por bandeira, o Goberno finalmente decidiu negociar a suba só cos sindicatos. 

Calviño: "Nos próximos días teremos que tomar a decisión"

A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, asegurou este xoves en Vigo que o Goberno ultima o acordo cos sindicatos e que "nos próximos días teremos que tomar a decisión".

Calviño remarcou que a proposta non está pechada, ante a insistencia das preguntas. "Nestes momentos as conversas cos axntes sociais seguen manténdose", dixo Calviño.

Pola súa parte a ministra de Industria, Reyes Maroto celebraba ante a prensa a nova, ao tempo que lamentaba a ausencia da patronal dese pacto. 

Pero Comisións Obreiras, na liña de Calviño, tamén negaba que o acordo estivese pechado. Queren pechar no mesmo documento as subas para os dous próximos anos. "Estamos aínda negociando os termos deses compromisos, polo tanto, a día de hoxe non hai un acordo pechado", declaraba Unai Sordo.

En paralelo, Goberno e axentes sociais xa empezaron a negociar a sexta prórroga dos ERTE, que expiran en dúas semanas. Todas as partes teñen vontade de renovalos, pero o debate está nas condicións. Actualmente, máis de 270.000 traballadores seguen en ERTE por causa da pandemia.

Noticias web

16/09/2021