CRTVG

Buscar

Goberno e Generalitat retoman o diálogo coa xuntanza da comisión bilateral

Publicado o 02/08/2021 20:45

Era a primeira comisión bilateral en tres anos entre o Goberno central e a Generalitat. Unha reunión coa que o Executivo quere blindar o diálogo con Cataluña e volver, di, á normalidade institucional.

Isabel Rodríguez, ministra de Política Territorial: "Acabar coa conflitividade social e política en Cataluña, porque os cataláns meréceno. E o Goberno fará o posible por volver á normalidade sempre dentro da Constitución".

Goberno e Generalitat pecharon un calendario de traballo para o que queda de ano. Intentarán pechar 56 traspasos de competencias e investimentos en infraestruturas.

Jordi Puigneró, vicepresidente da Generalitat: "Sánchez deixou moi claro que autodeterminación non pero autogoberno si. En reunións coma esta ten a oportunidade de demostrar se cre ou non no autogoberno".

Pero a cita máis próxima será a da mesa de diálogo, fixada para o mes que vén. O Goberno catalán insiste en que pedirá un referendo para Cataluña.

Laura Vilagrà, conselleira da Presidencia da Generalitat: "Queremos exercer o dereito de autodeterminación e a amnistía, e queremos un referendo pactado".

Non estaba na axenda, pero un dos grandes asuntos da reunión foi o pacto entre Goberno e Generalitat pra ampliar o aeroporto do Prat, no que se investirán 1.700 millóns de euros. Os dous executivos pecharon o acordo este luns, nunha xuntanza fóra da axenda pública.


 

Noticias web

02/08/2021