O PSOE rexeitará a moción de ERC dun referendo pactado para Cataluña
O Congreso debaterá mañá unha moción de Esquerra Republicana, que pide negociar un referendo pactado en Cataluña. A moción está condenada ao fracaso porque o PSOE xa anunciou que votará en contra. Entende que o camiño para resolver o conflito con Cataluña está na Mesa de Diálogo, que se retomará unha vez que se forme o novo goberno. Unidas Podemos anunciou que se absterá.
Os nacionalistas vense reforzados polos resultados electorais e métenlle presión ao executivo para avanzar nas súas demandas. Tamén piden que, nada máis constituírse o goberno da Generalitat, se convoque de inmediato a chamada mesa de diálogo.
O seu voceiro no Congreso, Gabriel Rufián, pensa que "os problemas non se poden pospoñer; a mesa de diálogo e negociación tense que convocar, tense que respectar. Todo o mundo sabe que ata agora había catro partidos convocados nesa mesa, non sabemos os que haberá no futuro, pero hai que convocala si ou si".
A voceira do Goberno, María Jesús Montero, asegurou hoxe, sexa cal sexa o goberno que se configure en Cataluña, o executivo central aspira a manter con el "unha relación de lealdade, dende o diálogo e esa etapa de reencontro. Dende hai tempo estamos traslando a nosa vontade de que Cataluña supere este conflito de convivencia, este conflito político".