Goberno e axentes sociais seguirán negociando o luns a prórroga dos ERTE

O Goberno e os axentes sociais, patronal e sindicatos, seguirán negociando o vindeiro luns 7 de setembro, na mesa técnica correspondente, as condicións para ampliar os ERTE pola Covid-19 máis aló do 30 de setembro.
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asegurou tras a reunión mantida esta mañá en Palma de Mallorca que con ela "arrincan os traballos técnicos xa, con forza e cunha primeira convicción de todos para non esgotar os tempos de negociación dispoñibles" alcanzando un acordo que sexa "fino e preciso" para ser o máis eficaces posibles.
Díaz mostrou a intención do Goberno de "definir moi ben todos os sectores e empresas para que ninguén quede atrás" e de poñer en marcha os "mecanismos de protección canto for necesario", vendo "sector a sector cales son as súas necesidades".
Na reunión estivo presente tamén o ministro de Inclusión, José Luis Escrivá, quen considerou o encontro "útil" e "substantivo" e confiou en que esta ampliación do sistema dos ERTE "achegue certeza a traballadores e empresas que seguen afectados pola pandemia".
A patronal pide axuda para os sectores moi danados
O presidente da patronal CEOE, Antonio Garamendi, resaltou que todas as partes buscan chegar a un acordo "o máis rápido posible" pero é necesario ampliar as medidas, máis aló dos ERTE, dada a situación dalgúns sectores como é o caso do turismo, e garantir que cheguen ás empresas que máis o necesiten.
En liña coas peticións dos sindicatos, o presidente da patronal mostrouse a favor de manter a contía de prestación extraordinaria dos traballadores nun ERTE no 70 % da base reguladora, evitando que a partir do sexto mes se reduza ao 50%.
A CEOE propón tamén na mesa que se exonere do pago das cotizacións sociais "ás empresas que o necesiten", aquelas que continúan cos seus persoais na inactividade, e non a aquelas que xa os están incorporando.
"Un empresario non vai contratar a ninguén porque lle financien o custo laboral, pero un pode ter problemas de liquidez se non ten actividade" e ten que abonar cotizacións sociais, dixo o presidente.
Así, avanzou que se quedou "en falar" co Goberno sobre o tema das baixas laborais para os pais que teñan que coidar fillos en corentena aínda que non desen positivo e pediu abordar con seriedade e cunha posición unificada dentro do Goberno temas tan relevantes.
O presidente de Cepyme, Gerardo Cuerva, pediu ao Goberno na reunión desta mañá que "non espere ao último minuto" para aprobar a extensión dos ERTE e que "poña toda a carne no asador agora" porque non se pode "lamentar no outono e inverno non facer todo o posible para salvar o tecido produtivo".