CRTVG

Buscar

Goberno e axentes sociais reúnense para analizar a suba do salario mínimo para o 2021

Publicado o 15/12/2020 16:11

O Goberno e os axentes sociais reúnense este mediodía para analizar a suba do salario mínimo para o próximo ano. A ministra de Traballo ten intención de subilo, igual que os sindicatos. Os empresarios opóñense e a ministra de Facenda pide prudencia. Di que hai que medir moito a decisión para que non aumente o paro.

No Ministerio de Traballo dan por feito que o subirán, o debate é canto. Joaquín Pérez Rey, Secretario de Estado de Emprego, afirmou que "conxelar o salario é unha opción que para o ministerio de traballo é descartable, e así o fixemos saber na mesa".

Tamén defenden a suba os sindicatos, por xustiza e porque cren que incentivará o consumo  a economía.

"Desterrar esa idea de que hai traballadores que o seu salario non lles permite chegar a fin de mes. Non só é unha medida eficaz, senón que é de xustiza facelo", di Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO Galicia.

Os empresarios, pola súa parte, discrepan. Cren que a suba do salario mínimo afectará ao emprego. O debate continuará nos próximos días, tamén dentro do Goberno: "Hai que facer un chamamento á prudencia á hora de abordar as decisións económicas, intentando contrarrestalas e poñéndoas en valor con informes e indicadores", afirma María Jesús Montero, ministra de Facenda.

Unha parte do Executivo non considera prioritario subir agora o salario mínimo. Porén, o luns hai unha nova reunión e a suba tería que aprobarse no último Consello de Ministros do ano.



Noticias web

15/12/2020