CRTVG

Buscar

Escrivá anuncia que os 'baby boomers' deberán traballar algo máis ou cobrar menos pensión

Publicado o 01/07/2021 13:24

• O Goberno e os axentes sociais recuperan o consenso para reformar as pensións | O acordo derroga a reforma do PP de 2013

Casado considera "un gran erro" a reforma das pensións

 

O Goberno recuperou coa patronal e cos sindicatos o consenso para reformar o sistema público de pensións cun primeiro acordo selado nos xardíns do Palacio da Moncloa que, segundo o xefe do Executivo, marca un fito e garante a viabilidade do sistema.

Xunto a Pedro Sánchez, rubricaron o acordo, o primeiro en pensións nunha década, o secretario xeral da UXT, Pepe Álvarez, o de CC OO, Unai Sordo, o presidente da CEOE, Antonio Garamendi, e o vicepresidente da Cepyme (Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa), Santiago Aparicio.

Ao acto tamén asistiron as catro vicepresidentas do Goberno, Carmen Calvo, Nadia Calviño, Yolanda Díaz e Teresa Ribeira, e o ministro de Inclusión e Seguridade Social, José Luis Escrivá que foi o primeiro en tomar a palabra.

Escrivá quixo agradecer "a altura de miras de todos durante o proceso negociador", permitindo "dar cumprimento a un gran número de recomendacións do Pacto de Toledo".

Resaltou ademais que esta reforma elimina a incerteza a millóns de pensionistas actuais e futuros, "e faino asegurando a suficiencia das pensións e o seu poder adquisitivo, reforzando a sustentabilidade do sistema a medio e longo prazo e introducindo elementos de equidade que adaptan o sistema a novas realidades demográficas".

Pola súa banda, o secretario xeral da UXT, Pepe Álvarez, subliñou que esta reforma se expón desde o "consenso e o acordo", fronte á reforma unilateral de 2013, e subliñou os avances respecto á revalorización das pensións, "que non volverá depender do Goberno de quenda".

Álvarez considerou que, tras este primeiro bloque de pensións, as próximas negociacións "non van ser sinxelas, nin pola parte empresarial, de xeito evidente, pero tampouco pola sindical", e lembroulles a todos os axentes implicados que no último acordo de pensións, no 2011, os sindicatos fixeron "un grande esforzo".

Factor de axuste

Máis debate xera a maneira de conter o gasto futuro das pensións, de "asegurar a sostibilidade financeira do noso sistema público de pensións ante o gran desafío que supón a xeración do baby boom a partir da metade desta década", dixo no acto o presidente Pedro Sánchez. 

O Goberno propón substituír o factor de sostibilidade por un mecanismo de equidade interxeracional. Pero para a patronal, non é máis que un xogo de palabras. O presidente da CEOE, Antonio Garamendi, congratulábase de que "se siga mantendo o factor de sostibilidade(...) chamémolo como queiramos" e recordaba que teñen de prazo ata o 15 de novembro para concretalo. Os sindicatos advirten de que a negociación será dura porque, para Unai Sordo, secretario xeral de CCOO, "este non é un acordo para cargar nas futuras xeracións o custe das pensións".

Pero o ministro Escrivá xa adiantou nunha entrevista que serán os nacidos entre finais dos anos 50 e mediados dos 70 os que sufrirán o axuste. José Luis Escrivá asegurou que "poderán elixir entre distintas opcións: un pequeno axuste na pensión, moi moderado, ou, alternativamente, poderían traballar algo máis". Este primeiro paquete de reformas tamén inclúe bonificacións para quen alongue a súa vida laboral.

Un fito na lexislatura

O presidente do Goberno, que pechou o acto, salientou que o acordo garante a viabilidade do sistema público de pensións e "marca un fito importante na lexislatura". Pedro Sánchez asegurou que "é só o principio dunha importante reforma que vai marcar un antes e un despois do sistema público de pensións".

O acordo selado supón derrogar a reforma do PP de 2013 e volver ligar a súa revalorización á evolución da inflación recuperando o consenso da reforma de 2011.

Así mesmo contempla a substitución do factor de sustentabilidade por un novo mecanismo de equidade interxeracional que estará definido en cinco meses e que comezará a aplicarse no 2027.

Tamén asegura a contribución do Estado ás necesidades da Seguridade Social e recolle unha serie de medidas para ampliar as carreiras laborais de xeito voluntario e ir achegando a idade real de xubilación á legal que será de 67 anos en 2027.


Noticias web

01/07/2021