Goberno e axentes sociais asinan o acordo para a prórroga dos ERTE
• O acordo diferenciará entre forza maior total e parcial
• As axudas, suxeitas ao compromiso de manter o emprego durante seis meses
Goberno e axentes sociais asinaron o acordo que prorroga ata o 30 de xuño os expedientes temporais de regulación de emprego provocados polo coronavirus. Con este pacto, a protección aos traballadores queda blindada ata ese día, aínda que non haxa novas prórrogas do estado de alarma.
Con dous ministros e dous vicepresidentes como testemuña, os líderes de Comisións Obreiras e UXT, o presidente da CEOE e o seu homólogo da pequena empresa asinaron con Pedro Sánchez o acordo que prorroga os ERTE ata o 30 de xuño, haxa ou non estado de alarma.
Ata ese día, os empresarios que pararan polo coronavirus líbranse total ou parcialmente de pagar as cotas á Seguridade Social. A cambio, garanten o emprego durante os 6 meses posteriores á volta ao traballo, agás no caso de entraren en concurso de acredores. Se non cumpren, deberán devolver todas as cotizacións que agora se lles perdoan.
A día de hoxe, hai catro millóns catrocentos mil traballadores protexidos por un ERTE. O acordo inclúe a creación dunha comisión tripartita que se reunirá unha vez ao mes para estudar se, como todo parece, hai que estender este paraugas nalgúns sectores despois da data límite.