CRTVG

Buscar

O Goberno pon en común coas comunidades as medidas xerais para o próximo curso

Publicado o 11/06/2020 21:22

• A educación presencial aplicarase "como principio xeral" | Ata 4º de primaria non se terá que manter a distancia de 1,5 metros nin usar máscaras, porque serán grupos "estables de convivencia" | O curso universitario alternará clases presenciais e en liña

 

O Goberno e todas as comunidades autónomas, agás Madrid e Euskadi, acordaron hoxe un documento de 14 puntos coas medidas xerais para o próximo curso escolar.

A ministra de Educación, Isabel Celaá, presidiu a Conferencia Sectorial de Educación en que os principais acordos para que a volta presencial sexa "segura, saudable e sostible" son os seguintes:

O curso comezará en setembro, será presencial e e terá unha duración similar á de todos os anos.

• As administracións autonómicas facilitarán que os centros teñan plans de inicio de curso e plans de continxencia para posibles eventualidades. Unha persoa de cada centro será a referencia para a COVID-19.

As programacións docentes adaptaranse para facilitar a recuperación da aprendizaxe interrompida este curso co peche da actividade presencial.

• As admnistracións educativas autonómicas establecerán as medidas necesarias para adaptar os centros ao cumprimento das medidas dispostas no decreto de nova normalidade, e tamén servizos complementarios como o transporte escolar ou o comedor. Ateranse, para iso, ás indicacións das autoridades sanitarias.

A ministra de Educación puntualizou que o documento que se deu a coñecer onte con propostas conxuntas do seu ministerio e do de Sanidade "non establece ratios" de alumnos por aula. Celaá explicou que o que se propón é unha "alternativa" para os máis pequenos (ata cuarto de Primaria) que establecería "grupos convivenciais" de entre 15 e 20 alumnos cun docente que funcionarían a modo de "familia". Celaá insistiu en que é un punto de partida para recibir achegas.

A partir de quinto de primaria, a proposta si que avoga por que se manteñan as distancias de 1,5 metros. Outramente, a máscara sería preceptiva.

A ministra explicou que para gardar esas distancias haberá que "optimizar os espazos" dispoñibles.

Os 2.000 millóns de euros que o Goberno transferirá a fondo perdido ás autonomías destinados a educación serán empregados por cada administración autonómica do xeito que estime necesario. Non especificou Celaá cales van ser os criterios de repartición dos cartos.

Ademais anunciou a posta en marcha de dous programas de cooperación coas autonomías. Un deles para mellorar o equipamento tecnolóxico dos centros educativos e outro para poñer en marcha programas de reforzo e recuperación para o alumnado con maiores dificultades.

A actividade presencial, dixo a ministra, "é insubstituíble", e o peche das escolas xerou "fendas de desigualdade educativas".

Galicia rexeita "romper" os grupos de alumnos e advirte de que unha "redución excesiva" de ratios necesitaría recursos

A redución de alumnos por aula para o próximo curso parece descartada no caso da comunidade galega, ou polo menos nos termos recomendados polo Ministerio de Educación. 

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, sumouse este xoves ao acordo proposto polo Ministerio do ramo para o arranque da actividade lectiva, aínda que rexeitou a "fragmentación" dos grupos actuais de escolares que trasladou o departamento de Isabel Celaá na súa proposta de recomendacións sanitarias. 

O documento, que finalmente quedou definido como un "borrador" aberto a achegas e alegacións, incluía suxestións para a adaptación da organización do curso nos centros educativos, entre elas a disposición de clases de 15 escolares por aula, ata un máximo de 20.

Pomar, do mesmo xeito que outros mandatarios autonómicos, pediu expresamente este xoves na Conferencia Sectorial de Educación que este documento se desvinculase do acordo para o inicio do curso e que se tomase como marco de referencia o Real Decreto-lei 21/2020 (en concreto do seu artigo 9), publicado no BOE esta semana. 

A norma establece que serán as administracións educativas as que aseguren o cumprimento, por parte dos centros públicos ou privados, das normas de desinfección, prevención e acondicionamento dos centros "que aquelas establezan". "Deberá asegurarse a adopción das medidas organizativas que resulten necesarias para evitar aglomeracións e garantir que se manteña unha distancia de seguridade de, polo menos, 1,5 metros. Cando non sexa posible manter a dita distancia de seguridade, observaranse as medidas de hixiene adecuadas para previr os riscos de contaxio", engade o artigo. 

Con este acordo as comunidades autónomas asumen a elaboración de protocolos de actuación para garantir a hixiene, limpeza e o control sanitario nos centros, un traballo que realizarán xunto aos servizos de prevención de riscos laborais e que incluirá medidas específicas para a atención das persoas incluídas no grupo de risco.

 Este criterio implica á súa vez que outras medidas expostas non serán obrigatorias e dependerán das comunidades autónomas, como é o caso da redución a 15 ou 20 alumnos por aula ou que os máis pequenos queden exentos de manter a distancia ou de usar máscaras na clase. 

A conselleira Pomar asegurou que o texto final, duns 14 puntos, "non fala nin sequera de ratios" e que a Consellería defende que é "máis importante non fragmentar" nin "romper os grupos de referencia establecidos na aula". O Goberno galego argumenta que mantelos achegaría maior seguridade socioemocional aos mozos para afrontar o novo curso tras varios meses separados dos seus compañeiros. 

Doutra banda, Pomar advertiu de que unha "redución excesiva" de alumnado por aula "necesitaría de recursos" que "neste momento non están previstos" nos fondos anunciados por parte do Ministerio, pois o gasto "superaría esa previsión" de 120 millóns de euros. "Non se trata só de ampliar profesorado, senón de espazos educativos", explicou a Consellería de Educación, posto que a realización de actividades ao aire libre, entre outras alternativas, "non sempre é viable".