CRTVG

Buscar

Gestal publica un libro sobre as principais pandemias que asolaron a humanidade

Publicado o 02/07/2021 16:41

O profesor e experto en saúde pública Juan Gestal publica un libro sobre as pandemias que asolaron o mundo. Trátase dunha obra de divulgación sobre as pestes, pois, aínda que parece como se non houbera ningunha antes da covid, a verdade é que as pandemias sempre estiveron entre nós.

Desde a primeira pandemia documentada, a peste de Xustiniano, ata a loita contra a varíola que no século XX causou 300 millóns de mortos no mundo e hoxe é a única enfermidade erradicada coa vacinación.

Pasamos polo cólera e a gripe española, que foi a peor pandemia da historia e provocou máis de 40 millóns de mortos. Logo foi a temida poliomelite, que en 1988 aínda deixaba paralíticos cada día 1.000 nenos, e sufrimos tamén a sida e o ébola para chegar a covid, da que en España aprendemos moitas cousas.

"Agora quedou ben claro que o sistema de vixilancia epidemiolóxica está obsoleto, que precisa dunha reforma. Tamén a saúde pública precisa unha potenciación", asegura Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva da USC.

Porque é a saúde pública a encargada da prevención e dos estudos clínicos e epidemiolóxicos que nos preparan para as pandemias.

"Prepararnos é fomentar a investigación, manter sistemas de vixilancia epidemiolóxica que nos permitan detectar novos axentes patóxenos", subliña.

Pandemias. Las epidemias que asolaron la humanidad repasa nas súas case 600 páxinas as principais pragas que nos ameazaron e os retos pendentes para poder afrontar a próxima peste con maiores garantías.

Noticias web

02/07/2021