Gastronosa, os veteranos da cociña galega reivindican o seu labor como pioneiros
En 1976 un grupo de cociñeiros con restaurantes en distintos lugares de España decidiron agruparse baixo un denominador común.
Os veteranos da cociña galega reivindican o seu labor como pioneiros na promoción dos produtos de calidade de Galicia. Pero agora fano nun novo formato, Gastronosa. Seran 9 horas ininterrompidas de espectáculo gastronómico con showcookings, música e degustacións nas que o auténtico protagonista será o produto galego de calidade, tanto da costa coma do interior.
Esta iniciativa comezou ás 11 da mañá no Museo Centro Gaiás e, aínda que está aberta ao públíco xeral, está máis orientada aos profesionais, de feito esperan que deste encontro saian novas colaboracións entre produtores e restauradores. E serve ademais para celebrar o aniversario da asociación Amigos da Cociña Galega, que hai 43 que se fundou. Eles foron pioneiros en poñer en valor a nosa gastronomía.
En 1976, un grupo de cociñeiros con restaurantes en distintos lugares de España decidiron agruparse baixo un denominador común: "defendemos a cociña galega e a cociña tradicional galega alí onde estamos. Hoxe somos 33 socios en todo o territorio nacional", di Javier Outumuro, presidente da asociación Amigos da Cociña Galega.
Cada ano organizan unha convención para reafirmar os seus vínculos e a adhesión a uns determinados valores gastronómicos: "Aquí vense por unha empanada, por un cocido, por un marisco...", di o presidente de Amicogal.
Pero iso non quita que non estean moi atentos aos novos produtos tanto do mar coma da terra... "O queixo azul este ano foi considerado o mellor queixo azul de España, di Xesús Mazaira, o responsable da queixería Airas Moníz de Chantada. E resalta tamén o queixo curado do Cebreiro outra novidade do estand no que se presentan once queixeiros artesais en Gastronosa.
Descubrir eses novos valores é un dos puntos de interese das suas reunións anuais, por iso este ano decidiron converter a xuntanza nun evento en que os produtos e os produtores tamén estivesen presentes.
"Esta é unha primeira aproximación, estar todos xuntos aquí, pero esperamos que daquí saian outras iniciativas para saír fora e demostrar o que se está facendo en Galicia", di Mazaira.