CRTVG

Buscar

Garicano propón que C's se abra a pactos "rexeneracionistas" en concellos e autonomías

Publicado o 03/06/2019 09:00
Garicano propón que C's se abra a pactos "rexeneracionistas" en concellos e autonomías

Ciudadanos celebra hoxe un comité executivo para debater a súa política de pactos, despois de que un sector do partido, liderado polo economista Luis Garicano, apostara por abrirse a un achegamento ao PSOE. A liña oficial do partido mantén que non vai apoiar a investidura de Sánchez, pero ábrese a incógnita de se os laranxas levantarán o veto ao PSOE en concellos e autonomías. 

A alcaldesa en funcións de Barcelona, Ada Colau, espera esta semana pola votación das bases para decidir se facilita a alcaldía a Esquerra de Ernest Maragall, ou pola contra acepta ser alcaldesa cos votos de PSC e de Manuel Valls. E esta segunda opción defendeu nas últimas horas o economista e candidato electo ao Parlamento Europeo de Ciudadanos. Luis Garicano encabeza o sector máis socioliberal da formación laranxa, que defende abrirse a pactos cara á esquerda en concellos e autonomías.

O sector de Garicano enfróntase hoxe á posición máis oficial do partido, que marca o PP como socio preferente.

José Manuel Villegas lembrou que "durante a campaña dixémoslles aos españois que os votos a Ciudadanos non ían facilitar un goberno de Sánchez nin con voto a favor nin con abstención". A postura do secretario xeral de Ciudadanos, que dirixe o comité de negociación de gobernos, é asumida tamén polo candidato á Comunidade de Madrid. No concello, Carmena volveu apelar a Villacís para que tome o exemplo de Vals e non permita que Vox condicione o goberno da capital de España.

"Ten que haber unha actitude de responsabilidade de quen realmente entenda que é mellor que non chegue a extrema dereira ao noso sistema e que deben actuar en consecuencia. Creo que en Barcelona o señor Valls deu o exemplo", dixo a alcaldesa en funcións de Más Madrid.

No PP advirten de que Ciudadanos e Vox, coas súas reticencias recíprocas, poden acabar facilitándolle gobernos á esquerda. 

"Outros partidos como Ciudadanos e como Vox terán que explicar aos seus votantes se non se sentan a negociar, se non falan, por que o fan. Porque a súa negativa o que promove son máis gobernos de Sánchez en moitos territorios ou que siga gobernando Carmena en Madrid", advertiu a popular Cuca Gamarra.

Nas últimas horas, o secretario de Organización dos socialistas, José Luis Ábalos, afirmou que para gobernos municipais e autonómicos, máis que pactos de bloques, o PSOE prefire pactos rexeneracionistas.

Noticias web

03/06/2019