CRTVG

Buscar

García Page confía en que non haxa quinta onda co remate do estado de alarma

Publicado o 08/05/2021 14:43

As comunidades autónomas comezan a regular as novas limitacións que entrarán en vigor esta noite ao decaer o estado de alarma vixente desde o 9 de novembro. O goberno de Castela-A Mancha aprobou este sábado un decreto lei coas normas sanitarias para a hostalería e os comercios, que se irán revisando en función da evolución da pandemia. O presidente, García Page, cre que o estado de alarma foi moi útil e que debía continuar polo menos un mes máis.
"Oxalá a partir da supresión do estado de alarma non haxa unha onda nova en España, ou unha onda importante en España. Pero desde logo se houbera unha grande onda politicamente a algúns pódelles supoñer un adeus", di Emiliano García Page, presidente do goberno de Castela-A Mancha.

Outro dos presidentes que defendía a prolongación do estado de alarma, o lehendakari Iñigo Urkullu, optou por pedirlles aos cidadáns que actúen con responsabilidade, logo de que o Tribunal Superior tumbara as restricións máis duras. Mentres, o presidente de Aragón valora a lei aprobada polo seu goberno para xestionar a pandemia.

"Envéxannos samente por sermos os únicos que temos unha lei para facerlle fronte á pandemia, iso é o unico que sei. E sei tamén que hai opinións para todos os gustos, e sei tamén que ata o de agora ninguén presentou ningún recurso de inconstitucionalidade", asegura Javier Lambán, presidente de Aragón.

O catedrático de Dereito Constitucional Lepoldo Abad tamén cre que unha lei sanitaria sería máis eficaz que a vía habilitada polo goberno central para acudir ao Tribunal Supremo co fin de unificar criterios.
"O que vai facer o Tribunal Supremo con este recurso de casación é tomar medidas políticas amparadas, ou baixo a forma de decisións ou de sentenzas entón. Dáme a sensación de que hai certo desleixo por parte do poder político e pasaron a pataca quente aos tribunais", afirma Leopoldo Abad, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade CEU San Pablo.