García-Egea, con Vox, e Maroto, con C's: o PP inicia as negociacións a dúas bandas
Os partidos inician oficialmente os contactos para facilitar a gobernabilidade naqueles concellos e comunidades onde se requiren pactos. O PP negociará a dúas bandas. O seu secretario xeral, Teodoro García-Egea, sentará esta mesma tarde con representantes de Vox. Maroto será o encargado de pactar con Ciudadanos.
Finalmente, o sector crítico de Ciudadanos, liderado por Luis Garicano, conseguiu abrir as negociacións ao PSOE. A esixencia de renegar de Sánchez desaparece do documento base que regulará a política de pactos da formación laranxa para concellos e autonomías. Pero os socialistas serán socios subsidiarios. José Manuel Villegas, o secretario xeral de Ciudadanos, explicaba que se abren a pactos co PSOE naqueles lugares onde non prospere o pacto co PP. Ciudanos reafírmase ademais en que non sentarán a negociar con Vox.
Santiago Abascal, o presidente de Vox, respondía onte: "Nós o que queremos é entrar nos gobernos, o que non admitimos é un trágala, que nos dean un acordo pechado e que nos teñamos que asinalo. Queremos ser tratados con respecto e para facer fotos facémolas coa nosa familia, coa nosa muller, a nosa nai e os nosos fillos. Nós queremos realmente entablar un diálogo político e que unha parte do que nós representamos poida ser plasmado no goberno do Concello de Madrid, da Comunidade de Madrid e de todos os gobernos onde nós podemos ser determinantes".
O partido de Abascal endurecía así as súas esixencias e onte mesmo lanzaba o primeiro órdago, anunciando unha emenda á totalidade dos presupostos andaluces, argumentando que non recollen a esencia do pactado co PP.
Os populares pídenlle un esforzo a Vox e Ciudadanos.
Teodoro García-Egea, o secretario xeral do PP, dixo que os tres partidos da dereita teñen que facer un esforzo "porque a foto de Andalucía está a ser positiva para os cidadáns por moito que haxa quen se empeñe en descualificar determinadas forzas políticas".
O secretario xeral do PP inicia esta mesma tarde as negociacións con Vox e Maroto será o encargado de forxar o pacto con Ciudadanos, cunha reunión tamén hoxe co Comité para Aragón, no medio dunha nova chamada dos socialistas aos de Albert Rivera.
"Ciudadanos ten que estar no plano da negociación que convén a este país e onde estamos os partidos democráticos que levamos 40 anos firmes na defensa da Constitución e 140 anos na Historia de España", explicou a vicepresidenta do Goberno en funcións, Carmen Calvo.
O PSOE reclama un pacto pola rexeneración para investir o socialista Luis Tudanca en Castela e León, despois de 30 anos de gobernos populares. É, das comunidades en liza, xustamente onde PP e C's non precisan do apoio de Vox para lograr unha maioría absoluta.