CRTVG

Buscar

García Costas ou Ritz Carlton, as dúas alternativas para salvar Barreras

Publicado o 20/11/2019 15:15

Polo pouco que transcende das reunións que se están a celebrar en Madrid entre todas as partes implicadas, non hai solución polo de agora para o estaleiro, o que si sabemos é que as negociacións avanzan na busca dun acordo.

No punto de mira estaría o ex-presidente de Barreras José García Costas como posible comprador das accións de Pemex, ou a compañía Ritz Carlton que podería estar disposta a tomar o control. Dúas posibles solucións que, polo momento, ningunha das partes quixo confirmar. 

Desde o seu cesamento como presidente do estaleiro o pasado mes de setembro, José García Costas volve a primeiro plano coa posibilidade de comprar a Pemex o 51 por cento das súas accións e conseguir o control do estaleiro. Para iso precisa o visto e prace dunha parte fundamental, o da compañía Ritz Carlton, algo que parece difícil porque o considera responsable dos atrasos e os sobrecustos do megaiate aínda sen rematar. En conversa telfónica con Televisión de Galicia, o ex-presidente de Barreras non quixo facer declaracións sobre a situación e afirmou que cando haxa acordo será o primeiro en comunicalo.

A outra das alternativas que se baralla para salvar o estaleiro é a entrada de Ritz Carlton no accionariado. Mentres ningunha das opcións se aclara, as reunións entre as partes implicadas continúan en Madrid. A industria auxiliar estará presente no seguinte destes encontros. Urxen unha solución para evitar a entrada en concurso de acredores ou a liquidación do estaleiro.

Noticias web

20/11/2019