Gandeiros e Xunta opóñense á prohibición da caza do lobo
2.310 cabezas de gando mataron o pasado ano as 90 mandas de lobo que habitan en Galicia. Esta cifra de baixas, sumada ao incremento da poboación de lobos, que xa non están en risco elevado de extinción, son os principais motivos polos que a Xunta de Galicia se opón a prohibir totalmente a caza do cánido.
O 98% dos lobos de toda España viven no noroeste, polo que o criterio das 4 comunidades autónomas máis afectadas debera terse en conta na decisión final, a xuízo da Xunta.
"Pasaron por algo a postura destas catro comunidades autónomas. Tiveron en conta a posición de comunidades e zonas que nin teñen o lobo nin o esperan. Foi caso das Illas Atlánticas, Baleares, Melilla... Que non conviven con el", di Belén Docampo, directora xeral De Patrimonio Natural
Dende Unións Agrarias elevan ata máis de 4.000 as reses mortas a mans do lobo o pasado ano porque, aseguran, en moitos casos non se presenta denuncia. Por iso cren que a prohibición de medidas de control da poboación de lobo, como son as batidas de caza, supoñen un risco para a supervivencia das explotacións gandeiras que cada ano sofren perdas conxuntas de máis de dous millóns e medio de euros.
"A posición ecoloxista está moi ben, pero que expliquen con que recursos se vai pagar todo ese dano que o lobo causa aos gandeiros", asegura Xosé Rodríguez. Unións Agrarias
Agora hai un prazo de 17 días para presentar alegacións contra a prohibición da caza do lobo. Un animal que incrementou nun 125% os seus ataques na última década.
Galicia, Cantabria, Asturias e Castela e León xa traballan nun documento conxunto para tentar paralizar o decreto de prohibición.