Gandeiros do Valdouro protestan polos ataques dos lobos
Dá moita mágoa ver o poldro que morreu polo ataque do lobo. A ferida non é moi grande, pero, ao parecer, a infección que orixinou foi tal que acabou coa vida do animal.
Víctor Manuel ten 37 anos e hai sete que ten unha explotación dunhas cen vacas e vinte cabalos ao seu nome. Viven ceibos nun monte que ten en mancomún, onde tamén pasta o gando doutros veciños de Vilacampa, que tamén sufriron o ataque do lobo.
Cren que un lobo só non se atreveu con este poldro, que tiña máis de seis meses e xa debía andar polos 120 quilos, e consideran que dende hai uns dez anos aumentou o número das mandas.
Varios dos veciños de Víctor Manuel viñeron hoxe canda el e nosoutros para amosarlle o seu apoio ao veciño afectado polo lobo.
Algúns pasaron por situacións semellantes e cren que as axudas compensatorias ou non chegan ou, ás veces, veñen tarde.
A Ángel o lobo matoulle unha poldra hai dúas semanas, e hai anos sufriu máis ataques.
Víctor agora ten medo de que o lobo vezara no seu gando e que volva por outra res.