CRTVG

Buscar

Galicia volve ás cifras do inicio do verán, antes da quinta vaga da covid

Publicado o 19/09/2021 14:58

A situación epidemiolóxica continúa coa súa mellora en Galicia, que baixa xa dos 100 hospitalizados con covid. A cifra de contaxios é tamén das máis baixas deste mes. Ningunha área sanitaria detectou máis de 20 casos novos.

Este domingo quedan nas UCI dos hospitais galegos 26 pacientes, a metade dos que tiñamos cando comezou setembro. É un dato que non se rexistraba desde o 25 de xullo, cando comezaba a subir esta quinta vaga. Tamén segue baixando o número de persoas ingresadas en planta, son 71. Os hospitais das áreas da Coruña e de Lugo son os que máis pacientes teñen despois dos últimos gromos detectados en agosto.

Por segunda vez nesta semana, a cifra de contaxios descende ata os 75 casos novos. Son datos que se corresponden cos que tiñamos ao remate da primavera e que non se volveran rexistrar desde entón.

Ningunha área supera os 20 casos detectados. A Coruña e Vigo son as que máis rexistran, seguidas de Ourense e Lugo, onde descenderon máis da metade con respecto aos datos de onte. Santiago, Ferrol e Pontevedra non chegan aos 10.

Isto fai mellorar tamén a cifra de casos activos, que cae case en 200, con 2.194 persoas infectadas. A cifra de falecementos elevouse a 2.618 con catro novas mortes de persoas con idades comprendidas entre os 57 e os 82 anos.

Noticias web

19/09/2021