CRTVG

Buscar

Galicia comeza a vacinación masiva das persoas entre 75 e 79 anos, 90.000 ata domingo

Publicado o 08/04/2021 09:23

"Contento, canto máis axiña mellor", di un dos vacinados na Coruña. 

Esas eran as palabras máis repetidas esta mañá no recinto de ExpoCoruña, que acolle a vacinación masiva das persoas entre 75 e 79 anos, que non viven en residencias.

"A min xa me puxeron a primeira e hoxe estoulle dicindo como é dentro para que estea tranquila", comenta a acompañante dunha muller que se vai vacinar. 

Ata o vindeiro domingo están citados 18.300 veciños desa idade, da área sanitaria da Coruña, para recibir a primeira dose de Pfizer. Outra muller explica que  tiña ganas de vacinarse e conclúe dicindo que "a ver se polo menos se pode comezar a andar libremente".

En 21 días poñeranlles a segunda dose. A xornada transcorre tamén con normalidade no recinto feiral de Ourense, tal e como explica Verónica Civeira, enfermeira e coordinadora dos equipos de vacinación da área de Ourense. 

"Estabamos desexando que chegaran estes días duros de traballo", comenta, e asegura que canto antes logremos maior inmunidade colectiva, "mellor para todos".

Nesta área de Ourense están chamados a vacinarse con Pfizer 12.600 cidadáns nados entre 1942 e 1946. 

 "Recomendo a todo o mundo que se vacine, a ver se así saímos desta", di outro dos asistentes.

Grandes recintos coma este e tamén hospitais son os espazos elixidos para axilizar a vacinación masiva deste grupo de idade, para a que están citados 90.000 galegos.

 

Noticias web

08/04/2021