Galicia, un dos lugares do mundo coa maior esperanza de vida polo consumo de peixe
Durante a pandemia en España aumentou un 10% o consumo de conserva, que emprega en Galicia o 60% de todos os traballadores do país deste sector. E dentro da conserva o atún é o rei. 400 directivos de empresas de atún de 30 países reflexionan en Vigo sobre as novas demandas do mercado, co pano de fondo da revisión da Política Pesqueira Común que vai facer a Comisión Europea o próximo ano. Ante os líderes mundiais da conserva, Alberto Núñez Feijóo explicou a proposta que defenderá a Xunta en Bruxelas.
“Apostamos por unha pesca baseada no xogo limpo, no equilibrio e no cumprimento das normas; por unha loita contra a pesca ilegal; por facer compatible a actividade pesqueira coa biodiversidade e o equilibrio medioambiental; e por incorporar aos mozos ao sector”, dixo o presidente da Xunta.
Os produtos do mar son tamén protagonista do foro que se celebra en Santiago sobre a dieta atlántica. O consumo de peixe, segundo os expertos, fai que Galicia sexa dos lugares do mundo con maior esperanza de vida.