CRTVG

Buscar

Galicia ten 6.891 contaxios activos e 538 vítimas mortais de coronavirus

Publicado o 27/04/2020 13:24

• Continúa a minoración de novos casos, coa Coruña como a área onde máis medran

 

Hoxe morreron sete persoas nos hospitais galegos: tres en Ourense e catro en Santiago, o cal eleva a cifra total a 538, segundo a última actualización do Sergas. Entre os últimos falecidos están dúas mulleres de 89 e 93 anos e un home de 73 ingresados no CHUS, un home de 83 e unha muller de 90 anos que estaban ingresados no CHUO. Todos eles tiñan patoloxías previas, agás a muller que faleceu no CHUO.

A elas hai que sumar dúas mortes más certificadas esta mesma mañá: unha muller de 73 anos que estaba ingresada en Ourense e un varón de 81 anos que estaba ingresado no Hospital da Barbanza. Os dous tiñan patoloxías previas. 

O número de contaxios activos ascende a 6.891, con 35 casos máis ca no reconto anterior, un incremento moi similar ao da xornada anterior.

Por áreas sanitarias, segue sendo A Coruña a que concentra maior número de novos contaxios, practicamente a metade. A distribución é a seguinte:

• A Coruña: 1.659 (+15).

• Ourense: 1.315 (+8).

• Vigo: 1.219 (+8).

• Santiago: 1.067 (+6).

• Lugo: 662 (=).

• Pontevedra: 569 (+1).

• Ferrol: 400 (-3).

O número de pacientes en UCI mantense tamén practicamente igual, cun descenso de dúas persoas, para situarse en 83. Con todo, en unidades de hospitalización medra en 17 o número de pacientes, ata os 507. A maior parte dos contaxiados, 6.301 persoas, están no seu domicilio.

Ata o de agora, 1.816 persoas foron dadas de alta, 13 nas últimas 24 horas.

O número de PCR realizadas é de 87.824.

Nos centros residenciais hai un usuario menos contaxiado (869) e catro profesionais máis (348). Dos 12 falecementos rexistrados en 24 horas, só dous corresponden a usuarios de residencias. Os 244 finados nestes centros supoñen o 46 por cento de todas as mortes por esta pandemia en Galicia.