Galicia supera os 9.000 casos activos e bate récord con máis de 1.000 contaxios
• As hospitalizacións continúan aumentando (+20) e pasan das 500
• É a xornada coa maior suba de casos no que vai de pandemia (+669)

Galicia continúa sumando casos a un ritmo preocupante, mesmo batendo valores máximos de onte. Nesta xornada bátese o récord de contaxios en 24 horas, totais e confirmados por PCR: 1.047, dos cales 928 foron confirmados por PCR.
Hai 9.479 casos activos, 669 máis ca onte. Por áreas sanitarias, a repartición sería:
• A Coruña: 2.260 (+196)
• Santiago: 1.886 (+76)
• Vigo: 1.720 (+141)
• Ourense: 1.232 (+92)
• Lugo: 890 (+80)
• Pontevedra: 832 (+23)
• Ferrol: 659 (+61)
A este paso, Galicia vai achegándose aceleradamente aos máximos de casos activos de comezos de novembro.
Soben as hospitalizacións
A cifra de persoas ingresadas tamén aumenta. Hai xa 511 persoas nos hospitais por mor da covid-19, 438 en planta (+17) e 73 nas UCI (+3).
A cifra de vítimas tamén segue en aumento. Logo de que o Sergas notificara onte 12 falecementos por covid-1, o número de mortos no país ascendeu a 1.474.
Case tres semanas por riba do 5 % de positividade
Segundo os datos do Sergas, realizáronse 9.921 probas PCR nas últimas 24 horas, unha das cantidades máis elevadas no que levamos de pandemia. Son 3.689 máis ca onte.
Delas, deron positivo 928, o que deixa unha positividade alta de 9,35 %. Con esta xornada, Galicia encadea 19 días consecutivos por riba do 5 %, nunha media de 7,80 %. Esta media aumenta considerablemente a 14 días (8,26 %) e máis, a sete (8,89 %).