CRTVG

Buscar

Galicia supera os 5.000 casos activos, pero a presión asistencial segue estable

Publicado o 12/07/2021 16:32

• A área de Vigo supera o milleiro de casos e Ourense e A Coruña achéganse a el | A taxa de positividade supera o 10 %

Galicia supera os 5.000 casos activos, pero a presión asistencial segue estable

En só tres semanas Galicia subiu 3.800 casos activos e pasou de 1.250 aos 5.058 que o Sergas notifica hoxe. Son 497 máis ca onte, tras 630 novos positivos. O notable é a aceleración dos sete últimos días: aumentamos 2.592 casos dende o pasado luns. 

A área sanitaria de Vigo supera xa os 1.000 e as áreas da Coruña e Ourense aproxímanse. Son cifras que non se vían dende finais de marzo. A repartición actual é a seguinte:

Vigo: 1.058 (+98)

Ourense: 980 (+157)

A Coruña: 957 (+74)

Pontevedra: 869 (+83)

Santiago: 535 (+51)

Lugo: 467 (+20)

Ferrol: 192 (+14)

Estabilidade nos hospitais

A situación é semellante á de onte, con 67 persoas ingresadas: 55 están en planta (-1) e 11 nas UCI (=). Polo de agora, o impacto desta cuarta vaga no país semella non incidir no número de hospitalizacións grazas ao efecto da vacinación.

O Sergas non informou de falecementos por causa da covid−19; daquela, a cifra de vítimas no que vai de pandemia é de 2.439 persoas.

Por riba do 10 %

O que si ascendeu é a taxa de positividade. Das 5.634 probas PCR realizadas, deron positivo 592, que representan un 10,51 % do total. É o dobre do recomendado pola OMS como limiar máximo: 5 %.

Mapas de incidencia por concellos