CRTVG

Buscar

Galicia supera os 400 falecidos e os 6.000 afectados por coronavirus

Publicado o 15/04/2020 20:32

Nas últimas horas faleceron cinco persoas diagnosticadas por coronavirus nos hospitais galegos. Unha muller de 66 anos e un varón de 73 que estaban ingresados no CHUAC; unha muller de 84 anos que estaba ingresada no Hospital Virxe da Xunqueira, en Cee; un varón de 75 anos que estaba ingresado no HULA, e unha muller de 93 anos que estaba ingresada no CHUO. Todos eles tiñan patoloxías previas, a excepción da  falecida no CHUAC, segundo informou o Sergas. 

Este mércores comunicáronse 16 mortes (11 en hospitais e cinco en residencias), o cal supón un incremento respecto das 14 do martes e as nove do luns. Con estas últimas mortes, o balance de vítimas mortais é de 402; delas, 310 faleceron nos hospitais e 92 nas residencias. 

Rexistráronse 93 falecidos en hospitais da área sanitaria da Coruña, 63 na área de Vigo, 59 na área de Ourense, 42 na área sanitaria de Santiago, 20 en Ferrol, outros 21 en Lugo e 12 falecidos na área de Pontevedra. A esta cifra hai que sumar os 92 falecidos en residencias de maiores desde que se iniciou a pandemia. Deste colectivo, as últimas mortes notificadas este mércores son os 2 usuarios do centro DomusVi San Lázaro, de Santiago de Compostela; un da residencia DomusVi de Cangas; outro da residencia DomusVi Matogrande (A Coruña), e outro na residencia de Foz (Lugo). 

Máis de 6.000 casos

O número total de contaxios é de 6.019, 46 máis que os rexistrados onte. Deles, 1.280 son da área da Coruña, 1.193 da de Ourense, 1.085 da área de Vigo, 1.029 da de Santiago, 589 da de Lugo, 505 da de Pontevedra e 338 da de Ferrol.

No relativo á situación dos pacientes positivos, continúa a lenta redución dos que permanecen en unidades de coidados intensivos. Hai na actualidade 128 persoas en UCI, cinco menos ca onte. Pola contra, aumentou a cifra de enfermos ingresados en planta, ao pasaren de 733 a 746. A inmensa maioría dos contaxiados, 5.145, están no seu domicilio.

Entre onte e hoxe déronse 58 altas en Galicia, o cal sitúa a cifra de persoas recuperadas en 1.298.

Nas últimas horas detectáronse nas residencias 13 novos positivos. Así son, en total, 929 maiores contaxiados e 419 traballadores. A residencia con máis casos, 101, é a de Nosa Señora da Esperanza en Ourense. O Sergas realizou hoxe de novo probas a todos os maiores que se atopan neste centro, despois de que onte dous anciáns deran positivo na residencia de Nigrán que a Xunta habilitara para asistir os maiores non contaxiados, 

Continúa a realización de probas PCR a un ritmo dunhas 2.000 diarias, cunha cifra acumulada de 50.396.