Galicia supera os 18.000 casos tras sumar 1.300 novos positivos nun día
• A área sanitaria de Ourense volve reducir os seus casos activos
• Aumenta a presión asistencial lixeiramente, por riba das 260 persoas ingresadas

O cumio da quinta vaga parece non chegar aínda. Ao ritmo de crecemento destes últimos días, a finais desta semana poderiamos superar o récord da pandemia, na terceira vaga -22.911-.
Polo de agora, segundo os últimos datos do Sergas, hai 18.061 persoas con covid-19 no país, 763 máis ca onte, tras 1.300 novos positivos detectados.
A área de Vigo segue marcando as cifras máis elevadas en canto a suba e volve marcar un novo récord de casos propio. A área de Pontevedra supera hoxe os 3.000 casos, marcando tamén o seu máximo no que vai de pandemia.
No outro lado está a de Ourense, que reduce por segunda xornada os casos (-18).
Por áreas sanitarias, a repartición dos casos é a seguinte:
Vigo: 4.348 (+283)
Pontevedra: 3.024 (+84)
A Coruña: 3.324 (+203)
Ourense: 2.257 (-18)
Santiago: 2.274 (+61)
Lugo: 2.000 (+119)
Ferrol: 834 (+31)
Soben lixeiramente os ingresos
Volve ascender o número de persoas ingresadas pola covid-19 nos hospitais galegos, que xa as ascende a 266. Hai 236 en planta (+3) e 30 nas UCI (+5). Non había tantas persoas nas UCI nos últimos dous meses.
O Sergas notificou onte o pasamento de tres mulleres por mor da covid-19. Con elas, o número de vítimas no que vai de pandemia no país alcanza as 2.452.