CRTVG

Buscar

Galicia supera esta fin de semana o millón de galegos vacinados coa pauta completa

Publicado o 18/06/2021 15:05

Esta fin de semana Galicia acadará un importante fito no proceso de vacinación, ao superar a marca do millón de persoas vacinadas coa pauta completa. Os datos sitúan a nosa comunidade como a primeira en porcentaxe de vacinados maiores de 50.

Dos 13 millóns de cidadáns españois que completaron a vacina da covid, case un millón son galegos. Hoxe contamos 980.000, así que quedan uns miles para redodedear a cifra, pero, ao ritmo que levan nos centros de vacinación, despachalos será cuestión de horas.

O máis gratificante para todos os que traballan no proceso é comprobar que as UCI galegas teñen xa moi pouquiños pacientes, e que as camas covid son só o 0,6 da capacidade total dos nosos hospitais. Máis dun terzo da poboación galega, o 70 por cento dos maiores de 50 anos, ou están xa inmunizados ou listos para que seu corpo desenvolva nos vindeiros días as defensas.

E estamos cada vez máis preto desa normalidade porque, picada tras picada, coma quen suma grans de area, fomos contruíndo entre todos ese muro de inmunidade para deterlle o paso ao virus. Un proceso no que hai que seguir sumando persoas e inoculacións para chegar a finais de agosto á inmunidade de rabaño.

Noticias web

18/06/2021