Dúas novas mortes no HULA elevan os falecidos en Galicia pola covid-19 a 703

Outras dúas mortes notificadas na tarde deste xoves en hospitais lucenses sitúan o cómputo total de vítimas mortais desde o inicio de pandemia en 703. Segundo informa Sanidade, nas últimas horas faleceron dúas persoas que foran diagnosticadas con coronavirus: un home de 92 anos que estaba ingresado no Hospital Polusa e unha muller de 89 anos que estaba hospitalizada no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Ambos tiñan patoloxías previas.
Previamente, tamén esta xornada, as autoridades sanitarias informaban doutras catro vítimas, dúas vinculadas ao gromo da residencia de Outeiro de Rei (Lugo); unha perdeu a vida no propio centro e outra estaba hospitalizada.
Desde o comezo da nova normalidade, o número de pacientes falecidos coa enfermidade en Galicia é de 84, tras a morte dunha muller o 7 de agosto. O maior balance de falecidos dos últimos meses notificouse o pasado mércores, cando Sanidade informou dun total de sete. A última vez que se superou esta cifra foi o pasado 5 de maio, con nove decesos.
Máis de 4.300 casos activos
Galicia rexistra 4.306 casos activos de coronavirus este xoves, segundo avanza a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Isto supón 16 casos activos menos ca onte. Por outra banda, hai 224 novos contaxios.
Estes son os últimos datos facilitados polo Sergas sobre a situación da covid-19 en Galicia. Máis na nosa web https://t.co/8Y9UDH6uOS pic.twitter.com/eHUenm1tUy
— G24 (@G24Noticias) September 17, 2020
No tocante aos casos activos, a distribución por áreas sanitarias sería a seguinte:
• 1.236 (-1) na Coruña
• 772 (-9) en Lugo
• 503 (+3) en Ourense
• 584 (+7) en Pontevedra
• 394 (+7) en Vigo
• 635 (-24) en Santiago
• 182 (+1) en Ferrol
No que respecta ás hospitalizacións, hai 28 persoas na UCI, 201 en unidades de hospitalización e 4.077 en seguimento domiciliario. Curaron un total de 16.064 persoas e realizáronse 410.517 probas PCR.