CRTVG

Buscar

Galicia supera as 10.000 infeccións por covid−19 coa presión asistencial á alza

Publicado o 18/07/2021 09:09

• Hai máis dun cento de persoas ingresadas nos hospitais (122)

• Os casos activos son 10.363, cun aumento de 946 en 24 horas

Galicia supera as 10.000 infeccións por covid−19 coa presión asistencial á alza

A transmisión do virus en Galicia segue descontrolada e por cuarto día consecutivo os contaxios superan o milleiro, aínda que cun leve respiro este domingo. Os casos activos superan os dez mil cos datos das 18 horas do sábado, son 10.363 (+946), unha cifra que se aproxima ao pico da segunda vaga do coronavirus en novembro de 2020.

Os positivos detectados en 24 horas son 1.170 en todas as probas realizadas. Esta cifra supón unha baixada de 168 respecto á xornada anterior.

O aumento exponencial dos contaxios xa se comeza a notar na presión asistencial. Os ingresados xa superan o centenar por primeira vez desde comezos de xuño: son 122 persoas (+23) as que ocupan camas nos hospitais. O maior incremento dáse nas últimas horas en planta, con 100 pacientes (+21), e son 22 os enfermos que precisan UCI, dous máis que a xornada precedente.

Nas ultimas horas, o Sergas non notificou novas mortes por covid−19; daquela, son 2.442 as persoas que faleceron dende o inicio da pandemia en Galicia.

Situación por áreas sanitarias

A Coruña rexistra a peor evolución nas últimas horas, cun aumento superior aos douscentos casos activos en 24 horas, aínda que Vigo segue a ser a que ten os datos mais negativos, con 2.319 persoas co virus. Tamén é nos hospitais da Coruña onde se produce o ingreso de dúas persoas máis nas UCI, mentres as áreas de Santiago e de Lugo seguen coas súas camas UCI libres de pacientes de covid−19. Ourense aproxímase aos dous mil casos activos.

Vigo: 2.319  (+189)

Ourense: 1.948  (+170)

A Coruña: 1.730  (+213)

Pontevedra: 1.797  (+88)

Santiago: 1.251  (+114)

Lugo: 936 (+139)

Ferrol: 382  (+33)