CRTVG

Buscar

Galicia rexistrou máis de 100 mortes con covid-19 en dez días e en total supera as 1.100

Publicado o 18/11/2020 20:42
Galicia rexistrou máis de 100 mortes con covid-19 en dez días e en total supera as 1.100

O Sergas notificou o falecemento nas últimas horas de 15 persoas que foran diagnosticadas de coronavirus.

Coas novas mortes rexistradas, Galicia supera as 1.100 vítimas desde o inicio da pandemia. Concretamente, a cifra total ascende a 1.107.

Máis de cen persoas morreron nestes últimos dez días diagnosticadas de covid-19 na comunidade autónoma.

Respecto ás vítimas notificadas hoxe, na área da Coruña faleceron tres mulleres no CHUAC de 57, 67 e 102 anos. Esta última procedía da residencia Ballesol de Oleiros.

En Ferrol faleceu unha muller de 96 anos que estaba ingresada no CHUF e procedía da residencia San José de Narón.

Tamén faleceron unha muller de 88 anos na residencia Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume e unha muller de 83 anos no Hospital do Salnés e procedente da residencia DomusVi Ribadumia.

En Ourense faleceron no CHUO unha muller de 94 anos e un home de 86 anos procedente da residencia Virxe da Clamadoira de Muíños.

Tamén faleceu un home de 66 anos que estaba ingresado no Hospital de Verín.

Na área de Vigo faleceron tres persoas no CHUVI: un home de 83 anos, unha muller de 93 e unha muller de 59.

Ademais, nesta área faleceron unha muller de 87 anos no Hospital Vithas Fátima, un home de 82 anos en Povisa e un home de 84 anos na residencia asistida Arieiro de Vigo.

Todos eles presentaban patoloxías previas.