Galicia suma xa 670 casos activos, co maior incremento (+69) na área da Coruña
Seguen aumentando positivos en Galicia. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 670, que se reparten por áreas sanitarias do seguinte xeito:
- 371 son da área da Coruña (+69)
- 75, da de Lugo (+1)
- 46, da de Ourense (+5)
- 44, da de Pontevedra (+1)
- 85, da área de Vigo (+2)
- 40, da de Santiago (-1)
- 9, da de Ferrol (+2)
En retroceso
Os casos activos en Galicia aumentan ata niveis de xuño, cando a curva de contaxios levaba unha tendencia de descenso aproximadamente dende finais de abril. Con 670 casos activos, hoxe duplicamos o número de hai un mes.
No que abrangue á área sanitaria da Coruña, é preciso remontarse ao 15 de maio, cando se contabilizaron 371 casos activos, para atopar cifras semellantes ás comunicadas pola Dirección Xeral de Saúde Pública neste 10 de agosto.
E nas últimas horas sóubose de 3 novos gromos na área sanitaria de Vigo. O primeiro, vencellado a unha reunión de amigos, afecta a 7 persoas no Val Miñor e xa se optou por pechar as visitas a dúas residencias de Gondomar; unha de maiores e outra de persoas con discapacidade. O segundo, estableceuse no ámbito familiar, en Salvaterra do Miño e afecta a 3 persoas. E o terceiro emprázase en Vigo, afecta a 4 persoas e rexistrouse tras unha viaxe fóra de Galicia.
Dado o aumento de casos, a Consellería de Sanidade tivo que actuar con medidas preventivas de distintos niveis na área da Coruña o pasado venres; dun xeito semellante, aínda que polo momento menos restritivo, que no gromo da Mariña, o maior detectado na nosa comunidade até o momento.
A proliferación de pequenos gromos en varios puntos da xeografía galega recentemente, con especial incidencia nos concellos pertencentes á área da Coruña, debuxan unha curva con tendencia ascendente disparada nesta contorna, en comparanza coas subas das demais áreas.
Situación global
Do total de pacientes positivos, 2 están na UCI, 25 en unidades de hospitalización e 643 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.446 persoas curadas, rexistrándose 621 falecementos. As dúas últimas foron nesta fin de semana pasada: dúas mulleres de 83 e 91 anos en Vilar de Barrio e na Mariña.
O número de PCR realizadas é de 265.628.
Do total de casos activos en Galicia están vinculados a centros residenciais:
- 3 usuarios
- 2 profesionais
Desde que comezou a pandemia morreron 621 persoas. Delas, 132 en residencias e 142 en residencias integradas e en hospitais.
Na xornada de onte non se rexistraron falecementos en centros residenciais.