CRTVG

Buscar

Galicia suma máis de 300 novos contaxios por cuarto día consecutivo

Publicado o 12/10/2020 11:56

• Ourense segue sendo a área onde máis soben os casos activos (+30)

• Nas últimas horas faleceu unha muller de 94 anos no CHUO

O número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.474. Son 95 máis ca onte. Deles, 766 son da área da Coruña, 460 da de Lugo, 1.512 da de Ourense, 511 da de Pontevedra, 467 da área de Vigo, 621 da de Santiago e 137 da de Ferrol. 

Canto a novos contaxios, Galicia rexistra un total de 308. É o cuarto día seguido que se supera a barreira dos 300. Iso si, a cifra é lixeiramente inferior á de onte (+313).

Do total de pacientes positivos, 39 están en UCI, 198 en unidades de hospitalización e 4.237 están tratándose na casa.

Polo de agora, en Galicia hai un total de 21.924 persoas curadas. O número de PCR realizadas é de 553.544.

Nas últimas horas produciuse un novo falecemento en centros hospitalarios, o número 786 desde que se iniciou a pandemia e o 167 desta segunda vaga. Foi unha muller de 94 anos falecida no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. A falecida presentaba patoloxías previas.

A situación nas residencias de maiores mantense estable respecto dos datos que tiñamos de onte. A dos Gozos, no Pereiro de Aguiar, é a máis afectada, con 177 infectados nestes momentos. Dous menos quedan na de Outeiro de Rei. O total de casos activos nos xeriáricos é de 557, dos que 422 son anciáns, e o resto, traballadores dos centros.