Galicia suma 38 casos activos máis en 24 horas e alcanza os 359
• Soben a 47 os positivos no ximnasio de Meicende, Arteixo
• Un gromo con catro casos importados en Chandrexa de Queixa
• Buscan dous turistas belgas que non se presentaron ás probas PCR no hospital da Barbanza
Nas últimas 24 horas rexistráronse 38 novos casos de coronavirus en Galicia, e a cifra total sitúase nos 359. A 343 deles fáiselles seguimento nos seus domicilios, 15 persoas están hospitalizadas, 3 máis ca onte, e só hai un paciente ingresado na UCI no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Os casos aumentaron significativamente na área sanitaria da Coruña, onde se rexsitran 143 positivos, 25 máis ca onte. Alí o gromo que máis preocupa é o vencellado a un centro deportivo de Meicende, en Arteixo, e as súas ramificacións en localidades como Oleiros, A Laracha ou A Coruña, entre usuarios, familiares e contactos. Os rastrexadores seguen traballando para localizar posibles positivos. Desde o xoves xa se fixeron máis de 1.500 PCR para intentar frear os contaxios. Este foco preocúpalles aos veciños de Arteixo, por se segue medrando e obriga as autoridades a decretar o seu confinamento.
Mentres, no hotel Finisterre só continúan en corentena 6 membros da expedición do Fuenlabrada confinados desde o 20 de xullo, despois de que 7 recibiran a alta nas últimas horas.
Por cifra de contaxios, segue A Coruña a área sanitaria de Lugo, onde hai 71 casos activos; 64 hai contabilizados na de Vigo, 28 na área de Pontevedra e agora preocupa tamén o aumento de positivos na área de Ourense, onde se rexistran 26, 8 máis ca onte. A situación mellorou na área de Santiago, que baixou de 25 a 24 casos, e a de Ferrol segue sendo a que menos positivos rexistra de toda a comunidade, con 3 casos.
O número de mortos pola COVID-19 mantense nos 619 en Galicia.