Nove novas mortes pola covid-19 nunha xornada en que Galicia supera os 22.500 casos activos
• Mantense a presión hospitalaria a pesar do lixeiro descenso de contaxios
• Galicia rexistra 22.511 casos activos tras sumar preto de 1.500 novos contaxios
• Baixan os casos activos nas áreas de Ferrol (-9) e Ourense (-26)

O Sergas notificou o falecemento de 9 persoas por covid aquí en Galicia nas últimas 24 horas. Supón un descenso importante con respecto ás xornadas anteriores.
Os falecidos tiñan entre 77 e 96 anos e dous deles procedían de residencias de maiores, concretamente da de Ribadeo e da Quercus de Leiro. Sete dos finados faleceron no hospital universitario da Coruña.
Todos tiñan patoloxías previas. A cifra total de mortos desde que comezou a pandemia ascende na nosa comunidade a 1.761.
Este sábado notificáronse 22.511 casos activos, o que supón 387 máis ca onte. Ademais, os novos contaxios ascenden a 1.493, 1.259 confirmáronse por PCR. No tocante á presión hospitalaria, hoxe hai 37 persoas menos ingresadas en planta, pero soben os ingresos na UCI, con 18 máis. Os hospitais galegos contan con 1.312 hospitalizados.
E no que se refire aos novos positivos confirmados por PCR, a área da Coruña está á cabeza, con 251; séguelle Vigo, que suma 236; e Santiago, con 209.
Nas últimas horas notificáronse 13.890 probas PCR, isto é, 237 máis ca onte. Segundo os datos notificados por Sanidade, a positividade sitúase no 9,06 %.
A repartición dos casos activos por áreas sanitarias é a seguinte:
• A Coruña: 5.984 (+72)
• Vigo: 3.846 (+47)
• Ourense: 2.963 (-26)
• Santiago: 3.445 (+72)
• Lugo: 2.121 (+112)
• Pontevedra: 2.365 (+119)
• Ferrol: 1.787 (-9)