Galicia segue sumando casos activos e alcanza os 375, outros 16 nas últimas 24 horas
Segundo o último informe publicado polo Sergas, en Galicia hai rexistrados 375 casos por coronavirus, 16 máis ca onte. Deles, 358 son atendidos nos seus domicilios e hai 17 persoas hospitalizadas.
Máis da metade dos pacientes ingresados, 9, están no Centro Hospitalario Universitario da Coruña, e o dato máis preocupante: nas últimas horas ingresou unha persoa na unidade de coidados intensivos deste hospital, polo que xa son dous pacientes nas UCI galegas. O outro segue en coidados intensivos do Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Por áreas sanitarias, segue sendo a da Coruña a que concentra máis positivos, 150, 7 máis ca onte. O gromo máis numeroso nesta área é o vencellado a un usuario dun centro deportivo de Meicende, que segue pechado por precaución.
O que si volveu abrir foi o Centro Cívico de Monte Alto despois de sometelo a labores de desinfección polo positivo dun vixilante de seguridade, que segue a corentena na súa casa xunto con outros 5 traballadores por prevención.
Na área sanitaria de Lugo non se detectaron novos positivos, e hai 71 casos activos.
Séguena en número a de Vigo, con 63 contaxiados, 3 máis ca onte; a de Pontevedra, con 29, e Ourense, con 28.
Na área de Santiago hai dous casos máis ca onte, e a cifra de positivos é de 26.
Ferrol segue sendo a zona con menor incidencia, malia que nas últimas horas houbo un novo positivo. Son 4 as persoas contaxiadas alí.