CRTVG

Buscar

Galicia seguirá poñendo a vacina de AstraZeneca, pero cinco comunidades retiran lotes en estudo por trombos

Publicado o 12/03/2021 16:02

• Sanidade confirma que non se rexistrou ningunha reacción grave

• Castela e León notifica dúas posibles reaccións adversas

• Sanidade vacinará este sábado 19.000 persoas entre 50 e 55 anos

 

A Consellería de Sanidade confirmou que Galicia non rexistrou ningunha reacción grave tras a administración do lote de vacinas ABV5300 de AstaZeneca, que algúns países europeos vincularon a algúns casos de trombose. O lote, explicou Sanidade nun comunicado, chegou a Galicia o pasado día 12 de febreiro "e administrouse seguindo o Plan Gallego de Vacinación"

Sanidade lembrou que tanto a Axencia Europea do Medicamento como a Axencia Española avalan seguir administrando a vacina de AstraZeneca, dado que non existen evidencias, a día de hoxe, sobre a causalidade entre a reacción adversa e a administración da vacina. Por iso, Galicia seguirá o seu plan de vacinación como até agora.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, indicou este mediodía que Galicia vacinou co lote de AstraZeneca retirado noutros países por supostos episodios trombóticos, que se están investigando por se tivesen relación co antídoto e que non está nos plans paralizar esa vacinación, dado que nin a Axencia Europea do Medicamento nin a española o recomendaron.

"Galicia recibiu o lote -que está a ser investigado- e estase acoutando quen recibiu as doses", pero, coa indicación dada polos reguladores da calidade, seguridade e eficacia dos fármacos, a idea é continuar actuando con normalidade.

"Seguiremos vacinando", garantiu García Comesaña, e de feito este sábado está previsto que 19.000 cidadáns máis se convertan en beneficiarios. "Creo que non son dese lote" as vacinas de AstraZeneca que se van a poñer, dixo Comesaña na comparecencia a preguntas dos xornalistas.

España segue adiante coa vacina de AstraZeneca, que considera segura e da que se administraron nas últimas 24 horas 44.863 doses, despois de que cinco comunidades retivesen os soros que quedaban dun lote desta farmacéutica, mentres se estudan unha trintena de casos de trombos tras a súa administración en varios países de Europa.

Este é un novo escollo en Europa para a farmacéutica, e este venres anunciou un novo problema de subministración, que xa provocou unha gran polémica coa Comisión Europea semanas atrás. O Ministerio de Sanidade repartiu ás comunidades o pasado 12 de febreiro o lote ABV5300, que foi xa administrado na súa maioría, pero cuxas doses restantes paralizaron agora preventivamente Cataluña, Andalucía, Castela e León, Canarias e Asturias, a primeira delas o Principado, que o anunciou onte á noite.

Castela e León notificou dúas posibles reaccións adversas en persoas que se vacinaron cunha dose deste lote, unha delas cun diagnóstico de encefalitis inmunolóxica non infecciosa -que está estable- e outra cun ictus. Con todo, polo momento a relación causa-efecto concreta non poderá establecerse ata que terminen diversas probas que se solicitaron e tardarán polo menos unha semana.

 A Axencia Española do Medicamento (AEMPS) asegurou que non hai evidencia de que a administración da vacina de AstraZeneca causase os problemas trómbicos que levaron a varios países europeos a suspender a administración deste fármaco e resalta que "os seus beneficios continúan superando os riscos", polo que pode seguir administrándose.

Na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, a portavoz do Goberno, María Jesús Montero, dixo que os cidadáns poden estar tranquilos coas vacinas contra a covid-19 porque son seguras e en España non se rexistrou ningún efecto adverso nin ningunha reacción tras a súa administración.

Neste sentido pronunciouse a ministra de Sanidade, Carolina Darias, quen explicou a RNE que a vacina de AstraZeneca é "segura" e en que "non hai relación causal entre o evento trombótico e a vacina en si", motivo polo que aconsellou seguir inxectando este soro.

A Generalitat retirou preventivamente 2.000 doses da vacina á espera dun informe definitivo da Axencia Europea, aínda que a maior parte do lote que tiña Cataluña xa se administrou (37.000 unidades).

Andalucía inmobilizou 1.200 doses por un "principio de precaución" ata ver que resolución adopta a Axencia, inmobilización que non afecta o resto das partidas de AstraZeneca que non pertencen a este lote.

A mesma decisión adoptouna o Goberno de Castela e León, que tamén segue vacinando porque foi unha medida de precaución. Non se rexistrou ningunha resposta grave.

Canarias, pola súa banda, segue inxectando a vacina porque a considera plenamente segura, aínda que apartou igualmente temporalmente e por precaución 110 doses asociadas ao lote sobre o que se suscitaron dúbidas.

Asturias foi a primeira comunidade que decidiu onte "reter algunhas doses", aínda que a inmunización "proseguirá con normalidade" con outros lotes.

A EMA investiga os casos

A EMA insiste que os beneficios do tratamento superan os riscos. E que non hai indicios de que provoque os trombos. Pero na Axencia Europea do Medicamento xa están a investigar todos os casos, non só os de Dinamarca ou Austria. E tamén outras patoloxías circulatorias logo da vacinación coa de AstraZeneca.

Bulgaria súmase aos seis países liderados por Dinamarca e Austria que frearon as inmunizacións con esa vacina. E Italia e Romanía bloquean un lote.

Finalmente, AstraZeneca entregará só 30 millóns de doses á UE neste primeiro trimestre. É un terzo do pactado no contrato. E estará por debaixo dos 40 millóns aos que se comprometera con Bruxelas logo das tensións vividas en xaneiro polos seus incumprimentos.