Galicia sae do estado de emerxencia a vindeira semana tras 19 meses
• O presidente da Xunta fará o anuncio durante a primeira xornada do debate de política xeral
AXENCIAS
Galicia levantará a próxima semana a situación de emerxencia sanitaria decretada fai dezanove meses, ao comezo da pandemia provocada pola covid-19, en marzo de 2020.
É un dos anuncios que prevé facer o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este mércores durante a primeira xornada do debate de política xeral, o primeiro desta lexislatura.
Será un dos principais anuncios en materia sanitaria, unha vez que "se ve a luz ao final do túnel", segundo avanzaron a Europa Press fontes gobernamentais, sobre o contido do discurso do presidente.
A xornada deste martes, festivo por Día do Pilar, Feijóo vaina dedicar a "ultimar" no seu despacho da residencia oficial de Monte Pío a preparación do debate, o que motiva a súa ausencia nos actos oficiais de Madrid con motivo da Hispanidade.
A sanidade e a reactivación económica serán dous dos eixos do discurso do presidente galego. Núñez Feijóo defenderá na súa intervención "a estabilidade e a normalidade democrática" da política galega, xusto cando celebra o 40 aniversario do seu estatuto de autonomía, e contrapoñerá esta situación coa política estatal, que non celebra "un debate do Estado da Nación desde fai case sete anos", inciden as mesmas fontes.
Respecto da situación económica, o titular do Goberno galego profundará na crise industrial que afecta á comunidade e tamén aludirá á repartición dos fondos Next Generation e á necesidade de reformar o modelo de financiamento autonómico, entre outros asuntos.
Espéranse anuncios vinculados aos futuros orzamentos autonómicos, que a Xunta agarda presentar no tempo e forma habituais pese ao falecemento repentino do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.