CRTVG

Buscar

Galicia manifestouse polos dereitos laborais e sociais

Publicado o 01/05/2019 20:48

Así se están vivindo en Galicia, en plena resaca electoral e con outros comicios á vista. As centrais marcharon divididas. CC.OO. e UXT por un lado, cunha mensaxe clara ao Goberno, en que lle piden unha reforma laboral que supoña conquistas para os traballadores. E a CIG fíxoo cunha ameaza de folga ante a precariedade laboral. Marcha multitudinaria en Vigo, tamén en Ferrol e Coruña, coa presenza dos traballadores de Navantia, e a de Pontevedra, onde pesou a preocupación polo futuro de Ence.


UXT e Comisións Obreiras conmemoraron o Primeiro de Maio na Coruña

UXT e Comisións Obreiras conmemoraron o Primeiro de Maio na Coruña. Esíxenlle ao Goberno que derrogue a reforma laboral canto antes para que os traballadores recuperen dereitos. Na multitudinaria manifestación tamén se escoitaron as demandas dos traballadores de Alcoa, Isowat e Poligal.

A manifestación saíu ao mediodía da praza da Palloza. Baixo o lema "As persoas primeiro", reclaman máis dereitos, máis igualdade e máis cohesión.

Queren que as persoas sexan o centro das políticas do Goberno. Os dous sindicatos coinciden en reclamarlle ao novo executivo a derrogación da reforma laboral e un novo modelo produtivo.

Na multitudinaria manifestación do 1 de maio tamén se escoitaron as demandas dos traballadores de Isowat Poligal e Alcoa. Dende a factoría coruñesa de Alcoa reclaman a aprobación urxente do estatuto electrointensivo .

Comisións Obreiras e UXT convocaron manifestacións noutras nove vilas e cidades galegas. Unha das máis multitudinarias foi a de Vigo á que asistiu o secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero. Na da Coruña estiveron os deputados electos de Unidas Podemos Yolanda Díaz e Antón Gómez Reino.


A CIG escolleu Vigo para celebrar o seu acto principal

A CIG celebrou esta xornada en solitario. Escolleu Vigo para celebrar o seu acto principal. Unha manifestación multitudinaria percorreu as rúas do centro da cidade con reivindicacións centradas recuperación dos dereitos dod traballdores, na loita polo emprego, salarios e pensións dignas.

Milleiros de persoas acudiron ao chamamento á mobilización da CIG. Unha manifestación que percorreu o centro da ciadade ata a Porta do Sol con reivindicacións centradas na consecución dun cambio profundo na politicas económicas , laborais e sociais executadas en épocas de crise.

A manifestación rematou na Porta do Sol coa lectura dun manifesto en que se fixo fincapé na necesidade defender o sector industrial, o sistema de pensións ou a cosolidación do emprego con salarios dignos. Unha recuperación de dereitos pola que seguirán, aseguran desde a CIG, na loita.

En Pontevedra as mobilizacións tiveron unha reivindicación local, o apoio ao sector industrial na ría personalizado nos traballadores de Ence

En Pontevedra, as mobilizacións de Comisións Obreiras e UXT apoiaron os traballadores de Ence na súa loita pola continuidade da factoría de Lourizán e na defensa dos empregos de 5.000 familias.

Centos de persoas participaron na convocatoria conxunta dende a praza da Ferrería para rematar diante da Delegación do Goberno, onde se leron os manifestos deste día do traballo. Os sindicatos pediron hoxe a derogación das últimas reformas laborais e o mantemento do sistema público de pensións, sen esquecer o apoio aos traballadores de Ence, que tiveron moita presenza na manifestación.

Tamén da praza da Ferrería saía, unha hora despois, a manifestación convocada pola CIG baixo o lema recuperar dereitos para avanzar. O sindicato nacionalista pediu neste primeiro de maio empregos, salarios e pensións dignas.


As manifestacións de Ferrol recolleron tamén as demandas dos traballadores do sector naval

Baixo o lema "Primeiro as persoas", partiu da praza do Inferniño a mobilización convocada por CC.OO. e UXT. Foi a máis numerosa e centrou as súas reivindicacións na necesidade de contar cun novo marco laboral que corrixa a precariedade, din, dos traballadores.

A situación da industria da comarca de Ferrolterra, principalmente das empresas auxiliares do naval, que poden perder máis de tres mil empregos nos próximos dous anos, estivo presente na manifestación da CIG. Os traballadores reclaman do goberno novos contratos ata o inicio da construcción das fragatas, previsto para o 2021.

Canda eles, os traballadores da empresa de plásticos Poligal, reclamaron a continuidade da actividade dunha planta de produción de plástico, da que dependen máis dun cento de empregos.

As manifestacións en Lugo e Ourense

En Lugo, os traballadores de Alcoa San Cibrao estiveron moi presentes na protesta de UXT e Comisións Obreiras. A CIG percorreu a ronda da muralla reclamando melloras salariais.

Tamén en Ourense os sindicatos marcharon polos dereitos laborais, a igualdade e polas conquistas sociais.










 

Noticias web

01/05/2019